A convocatoria fai caso omiso da sentenza do Tribunal Supremo e segue negándolle ao PDI a tempo parcial o dereito a percibir o completo salarial asociado á avaliación positiva da súa actividade investigadora
CCOO, con data 12 de xaneiro de 2026, presentamos recurso de alzada contra a Resolución do 11 de decembro de 2025, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se aproba a convocatoria de avaliación da actividade investigadora ( BOE nº 304 de 19 de decembro de 2025), publicada no BOE
do 19 de decembro de 2025. En concreto, denúnciase o artigo 3.1.c, por consideralo contrario a dereito e aos intereses do profesorado universitario. De non se obter unha resposta favorable, iniciaremos a vía do recurso contencioso-administrativo.
Esta resolución mantén o criterio de anos anteriores, que discrimina o PDI a tempo parcial ao considerar que o persoal funcionario dos corpos docentes universitarios que presten servizos na universidade en réxime de dedicación a tempo parcial poderán someter a avaliación a súa actividade investigadora, aínda que os correspondentes efectos económicos se xerarán só a partir do momento en que pasen a prestar servizos na universidade en réxime de dedicación a tempo completo.
Para CCOO, a resolución recorrida é nula por ilegalidade canto ao seu artigo 3.1.c, xa que infrinxe o ordenamento xurídico no seu contido. O precepto recorrido foi declarado nulo pola Sentenza nº 664/2025 de 29 de maio de 2025 do Tribunal Supremo, que declara a nulidade do artigo 5.2 do Real decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario. Por iso esta resolución, ao se ditar contra a nulidade declarada polo TS, é nula por ilegalidade.
A sentenza do Tribunal Supremo (TS) do 29 de maio de 2025 suprime a prohibición de que o profesorado a tempo parcial perciba o complemento de produtividade asociado á avaliación positiva da súa actividade investigadora e modifica, neste sentido, o RD 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario.
Esta sentenza é a última dunha serie de pronunciamentos xudiciais nos que se recoñece que:
- O PDI, sexa cunha relación funcionarial ou laboral, permanente ou temporal, cunha dedicación a tempo completo ou parcial, ten dereito a someter a avaliación a súa actividade investigadora desenvolvida durante un período de seis anos e, en caso de valoración positiva, a percibir o complemento salarial correspondente.
- E que este dereito debería recoñecerse de oficio na próxima convocatoria de sexenios do ano 2025 pendente de publicación.
Neste sentido, debe sinalarse que xa o TSX de Madrid, en sentenza do 26 de novembro de 2025, estimou o recurso presentado por CCOO en relación coa convocatoria de sexenios do ano 2021 e declarou nula a dita resolución polas mesmas razóns polas que agora presentamos recurso contra a Resolución do 11 de decembro de 2025. Resulta totalmente inxustificado que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MICIU) e ANECA insistan en aplicar uns criterios que os tribunais declararon ilegais. No momento en que esta sentenza sexa firme, CCOO presentará incidente de execución forzosa ao TSX de Madrid.
Pero a Secretaría Xeral de Universidades obvia este marco legal e teima en discriminar o PDI a tempo parcial. CCOO esixe que, de xeito inmediato e antes de finalizar o actual prazo de presentación de solicitudes, se dite unha nova resolución pola que se declare nula a resolución obxecto do recurso de alzada presentado, anule a redacción actual do artigo 3.1.c e se recoñeza o dereito do profesorado a tempo parcial ao aboamento do complemento da actividade investigadora no mesmo momento en que obteña a avaliación positiva desa actividade investigadora e nos mesmos termos que o profesorado a tempo completo. É dicir, que aplique o que os xulgados xa recoñeceron.
A Resolución do 11 de decembro relativa á avaliación da actividade investigadora do PDI funcionario debe ter o seu reflexo en cada universidade en convocatorias específicas para o PDI laboral que, segundo informa ANECA, se publicarán con posterioridade a esta resolución, fixándose o prazo de presentación entre o 9 de febreiro e o 2 de marzo de 2026. En todo caso, nas convocatorias que xa se foron publicando, as universidades seguen negando este dereito ao seu PDIL a tempo parcial.
Por iso CCOO continuaremos adiante con todas as accións sindicais e legais necesarias para garantir que este dereito se aplique de forma efectiva no conxunto das universidades públicas. Desde CCOO seguiremos traballando para o recoñecemento profesional e salarial do conxunto da actividade de todo o profesorado universitario.
