A carreira horizontal xunto co desenvolvemento e posta en marcha da promoción interna independente e a redución da temporalidade, favorecendo o acceso a persoal funcionario/a de carreira ou persoal laboral fixo, foi nestes anos un dos principais obxectivos da sección sindical de CC.OO na USC. En todos estes temas téñense producido avances importantes para o persoal da USC, todos eles froito do esforzo, da negociación e do traballo sindical.
Neste sentido, o último avance é o acordo da comisión de seguimento, tomado na mañá deste venres 16 de xaneiro, de darlle o visto e prace ao pagamento do 2º tramo do Acordo para o recoñecemento da totalidade dos graos da carreira, asinado en decembro de 2024. Este 2º tramo acordado agora vén a supoñer un novo aumento adicional, do 10% na contía global da carreira a retribuír ao persoal da USC, que chegará desta maneira ao 50% do total.
Como xa indicamos no mes de novembro, cando anunciamos a solicitude á xerencia da reunión da comisión de seguimento, o pagamento deste 2º tramo estaba pendente de “cuantificar” dende finais de setembro. Pois, segundo se establece no acordo, esa cuantificación debía facerse “xunto coa primeira previsión de peche orzamentario” e “tendo en conta os obxectivos en materia de carreira horizontal de PTXAS recollidos no Acordo do Claustro polo que se aprobaron as liñas xerais do orzamento da USC para 2025“.
Non foi ata decembro pasado, xunto coa extra, cando a USC efectuou o pago nas nóminas correspondente ao 1º tramo, cos seus atrasos correspondentes dende 1 de xaneiro. Con pago dese primeiro tramo, todas as persoas acadaron como mínimo o 40% das cantidades recoñecidas pola totalidade da súa carreira horizontal.
Agora con este novo aumento do 10% na contía global, todas as persoas percibirán como mínimo o importe da retribución polo 50% do total da carreira que teñan recoñecida. Este pagamento, ao que vén de darlle o visto e prace a comisión de seguimento, realizarase en aplicación do establecido no punto 2 do anexo IV do acordo e, ao igual que o 1º tramo, ten efecto retroactivo; polo que leva tamén aparellados os atrasos dende 1 de xaneiro de 2025. Uns atrasos que se ingresarán proximamente en nómina, en canto se resolvan os problemas técnicos derivados da súa implementación.
Como é natural, en CC.OO sentímonos contentos polos resultados de impulsar todo este proceso que, a pesar dalgunha incomprensión inicial e mesmo dos votos en contra, permite que o persoal da USC sexa o único das universidades galegas que está a percibir estas retribucións nas súas nóminas ( e como sabedes, moi poucas no ámbito estatal).
