CCOO levaba reclamando desde o pasado mes de outubro a aprobación dunha norma que garantise esta suba salarial.
Como xa vimos informando, CCOO leva tempo reclamando que se garanta a suba salarial pactada para os máis de tres millóns de empregadas e empregados públicos.
Finalmente, o Consello de Ministros celebrado o 17 de novembro aprobou o Real decreto lei 37/2026, do 17 de novembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións do persoal ao servizo do sector público. Este real decreto lei recolle o incremento salarial do 4,5 % para 2027.
Esta suba salarial do 4,5 % para 2027 xa é aplicable?
A suba apróbase mediante un real decreto lei, xa que é necesario aprobar unha partida extraordinaria que permita facer efectivo o pagamento do incremento salarial.
Polo tanto, unha vez publicado no BOE, e aínda que entra en vigor o 19 de novembro, esta norma debe ser validada pola Deputación Permanente do Congreso.
Cando se poderá cobrar?
En principio, se o real decreto lei é validado pola Deputación Permanente do Congreso, a suba podería cobrarse no mes de xaneiro de 2027.
En todo caso, cada ámbito da Administración (estatal, autonómico e local) debe aprobar a aplicación deste incremento salarial no seu respectivo ámbito.
A Administración xeral do Estado (AXE) ten previsto aboar as táboas salariais actualizadas con esta suba no mes de xaneiro de 2027.
Sobre que salario se aplica?
Sobre as retribucións vixentes o 31 de decembro de 2026.
Neste sentido, cómpre sinalar que as táboas salariais de 2026, case con total seguridade, se incrementarán nun 0,5 % sobre as vixentes o 31 de decembro de 2025.
Isto débese a que o Acordo para a Mellora do Emprego Público e o Servizo á Cidadanía, asinado por CCOO xunto con UGT e CSIF, establecía un incremento salarial para 2026 do 2 %.
Este incremento, de carácter consolidable, aboarase en dous momentos:
- O 1,5 % fixo, que se aboará no ano 2026. XA COBRADO.
- O 0,5 % restante, que se aboará no primeiro trimestre de 2027 se a variación interanual do IPC de decembro de 2026 é igual ou superior ao 1,5 %.
A taxa de variación anual do IPC do mes de outubro, último mes do que o INE publicou datos, situouse no 4,9 %. Polo tanto, case con toda probabilidade, este 0,5 % adicional cobrarase en 2027.
Este incremento do 0,5 % é de aplicación directa se se cumpre o requisito anteriormente sinalado. Non precisa a aprobación dunha nova norma, xa que estaba recollido na normativa pola que se aprobou no seu momento o incremento salarial de 2026.
Con que efectos se cobrará?
Con efectos do 1 de xaneiro de 2027.
Co incremento do 4,5 % rematan as subas salariais previstas no Acordo para a Mellora do Emprego Público e o Servizo á Cidadanía?
Non. Para 2028, último ano de vixencia do acordo, está previsto un incremento salarial consolidable do 2 % sobre as retribucións aplicables o 31 de decembro de 2027.
Outros acordos
O real decreto lei tamén inclúe outras medidas:
- Incremento do 4,5 % nas partidas destinadas a plans de acción social do persoal do sector público, en aplicación dun dos puntos do Acordo Marco. No sector público poderanse realizar achegas a plans de pensións de emprego ou contratos de seguros colectivos, sempre que non se supere o incremento global do 4,5 %.
- Mellora das contías das indemnizacións por residencia. Trátase dunha compensación económica que perciben as empregadas e empregados públicos da Administración xeral do Estado para compensar os sobrecustos de vivir en determinadas zonas con especiais condicións xeográficas ou de insularidade, como Canarias, Baleares, Ceuta, Melilla ou o Val de Arán. En xullo de 2026 actualizáronse as indemnizacións do persoal da AXE residente nas Baleares, que se equipararon ás de Canarias. Agora, todas elas increméntanse nun 4,5 %, o incremento salarial máximo previsto.
As cuestións pendentes
Para CCOO, tan importante como a cuestión retributiva é que non se paralicen nin se adíen o resto das medidas incluídas no Acordo Marco.
Entre elas, o sindicato reiterou a necesidade de avanzar nas seguintes cuestións:
- A eliminación e/ou modificación do actual modelo de taxa de reposición.
- A mellora dos haberes reguladores para o persoal pertencente ao réxime de clases pasivas.
- O desenvolvemento das materias recollidas no acordo en relación co emprego público, para acabar coa temporalidade estrutural, recuperar o emprego público perdido e abordar o rexuvenecemento dos cadros de persoal, tendo en conta a grave situación de envellecemento destes.
- A dixitalización, a saúde laboral e a igualdade, a través da comisión de seguimento e dos grupos de traballo creados para tal efecto.
CCOO quere destacar que segue pendente o cumprimento efectivo de compromisos fundamentais recollidos no Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, como a implantación da xubilación parcial anticipada para o persoal funcionario e estatutario.
Igualmente, resulta imprescindible avanzar na mellora dos salarios na función pública. CCOO reclama que non haxa ningún salario inferior a 1.500 euros na Administración pública, así como a recuperación da totalidade das pagas e dos recortes de 2010.
Para CCOO, os acordos acadados deben cumprirse na súa integridade e sen máis demoras. Non pode haber atrasos para converter os compromisos en melloras reais para o conxunto dos cadros de persoal e para a calidade dos servizos públicos que recibe a cidadanía.
O sindicalismo de CCOO segue demostrando a súa utilidade para mellorar a vida das persoas traballadoras.

