O Congreso aproba o texto definitivo da Lei de ensinanzas artísticas superiores

Para CCOO é unha boa noticia que, despois de tanto esforzo, se aprobara hoxe a nova lei. Non obstante, esta ten moitas carencias, polo que o sindicato seguirá traballando en solucionalas nos posteriores desenvolvementos normativos.

Hoxe aprobouse o texto definitivo da lei pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se establece a organización e equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais coa votación das 26 emendas presentadas polo Senado. Delas, 16 foron aprobadas e, polo tanto, incorporaranse ao texto aprobado polo Congreso o 14 de marzo de 2024, mentres que o resto foron votadas de maneira negativa.

Para CCOO é unha gran noticia que por fin as ensinanzas artísticas teñan a súa lei específica na que se recollen avances significativos no se recoñecemento social e organización. Non obstante, a xuízo do sindicato a lei ten moitas carencias, e CCOO seguirá traballando en solucionalas mediante a nosa posición crítica ante os desenvolvementos normativos, especialmente naqueles que teñen que ver con asegurar melloras das condicións laborais do profesorado, para que poidan exercer as súas funcións con todas as garantías.

Así, os puntos fundamentais que CCOO vai seguir reivindicando nos desenvolvementos normativos desta lei son, entre outros, os seguintes:

  • Incremento do financiamento dos centros públicos. Non se aceptou a emenda ao artigo 26.4, que cambiaba este financiamento de centros públicos a centros sostidos con fondos públicos.
  • Maior autonomía dos centros.
  • Asegurar o dereito do alumnado a unha educación inclusiva con todos os recursos necesarios.
  • Unha redución moi significativa e estrutural do horario lectivo do profesorado, con incremento de cadros de persoal para a actividade investigadora e o exercicio artístico da creación, a interpretación, a execución ou a conservación e a restauración.
  • Maior facilidade para a integración nos novos corpos docentes do profesorado actual.
  • A posibilidade de pedir a xornada reducida con carácter voluntario.
  • Que o profesorado emérito, especialista e visitante nunca poida substituír dotación de persoal de funcionarias e funcionarios docentes.
  • A homologación de mestras e mestres de obradoiro co profesorado do corpo de ensinanzas artísticas profesionais.

O Goberno e as Administracións deben facer unha aposta clara e decidida polas ensinanzas artísticas públicas, con recursos e financiamento, polos dereitos do alumnado, ademais da calidade da súa formación. Todo o anterior está intimamente relacionado con mellorar as condicións laborais de todo o profesorado dos corpos docentes das ensinanzas artísticas, pois son o elemento central para o éxito da nova lei.

Ademais, parécenos unha boa noticia que se incorporara na redacción definitiva da lei o artigo 44 bis, que recolle a creación do Consello de Estudantes; a disposición adicional sobre o Estatuto Básico do Estudante de Ensinanzas Artísticas Superiores e que se mellore a representatividade do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas (disposición adicional primeira).