O adianto electoral deixa no aire varias cuestións e proxectos normativos no ámbito universitario

A universidade non pode seguir agardando indefinidamente a que os responsables políticos de quenda se decidan a actuar.

A convocatoria de eleccións xerais para o 29 de novembro de 2026 afecta directamente a toda unha serie de cuestións e proxectos normativos que, en diferentes fases de tramitación, están abertos ou foron formulados desde CCOO no ámbito da universidade e da ciencia.

Neste contexto, atopamos os seguintes proxectos normativos en tramitación:

  1. Proxecto de real decreto polo que se regula o procedemento para a acreditación do profesorado permanente laboral pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación. Está pendente o informe do Consello de Estado (CE), cuxo prazo de emisión remata proximamente (dispón de dous meses nos casos de tramitación ordinaria, como é o que nos ocupa).
  2. Proxecto de real decreto polo que se determinan as especialidades de coñecemento para os efectos do establecemento dos perfís dos concursos das prazas de profesorado universitario das universidades públicas e os ámbitos de coñecemento para os efectos da adscrición dos postos de traballo do profesorado universitario, e se modifica o Real decreto 898/1985, do 30 de abril, sobre o réxime do profesorado universitario. Como no caso anterior, está pendente o informe do Consello de Estado.
  3. Proxecto de real decreto de recoñecemento e verificación académica e profesional das titulacións universitarias oficiais obtidas en sistemas universitarios estranxeiros. Solicitouse o informe do Consello de Estado.
  4. Proxecto de real decreto para a regulación do sexenio de transferencia do coñecemento e innovación do profesorado universitario, que recibiu un informe favorable do Consello de Universidades na súa reunión do 20 de outubro. Lamentablemente, o seu contido non se difundiu publicamente.
  5. Modificación do Real decreto 822/2021, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e o procedemento de aseguramento da súa calidade. A CRUE solicitoulle ao Goberno que a reforma se limite ás medidas máis urxentes, como a supresión da obrigatoriedade do traballo de fin de grao e a flexibilización dos procedementos de modificación e acreditación de titulacións e centros, para facilitar a súa aprobación antes do 29 de novembro. Neste sentido, cómpre sinalar que, unha vez máis, se actuou de costas a boa parte da comunidade universitaria.

O Real decreto do Estatuto do Estudantado Universitario foi aprobado polo Consello de Ministros o pasado 20 de outubro e entrará en vigor unha vez que se publique no BOE.

En todos estes casos, unha vez convocadas as eleccións xerais, o procedemento que se debe seguir é o mesmo:

  1. Remisión ao Consello de Estado para que emita o informe preceptivo nun prazo ordinario de dous meses (ou de 15 días se se tramita pola vía de urxencia).
  2. Unha vez recibido, remítese á Comisión Xeral de Secretarios de Estado e Subsecretarios, que é a encargada de trasladalo ao Consello de Ministros.
  3. Tras a súa aprobación polo Consello de Ministros, remítese á Deputación Permanente do Congreso dos Deputados, cuxa función é validar ou derrogar as normas de urxencia que dite o Goberno.

Procesos de negociación «formalmente abertos», pero paralizados de facto pola falta de actuación do MICIU:

  1. A comisión que debe establecer o plan de incremento do gasto público ao que se refire o artigo 55.2 da LOSU, co obxectivo de destinar, como mínimo, o 1 % do produto interior bruto ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado, permitindo así a equiparación progresiva co investimento medio dos Estados membros da Unión Europea.
  2. O Estatuto do Persoal Docente e Investigador (PDI).

E cuestións que formulamos desde CCOO ao MICIU e que aínda non foron abordadas:

  1. A modificación do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, que xa se formula parcialmente a través do proxecto de real decreto do sexenio de transferencia e innovación, pero que desde CCOO defendemos que debe estenderse ao conxunto da norma.
  2. A revisión e actualización do Estatuto do Persoal Investigador en Formación.
  3. A elaboración dun novo Estatuto do Persoal de Investigación.
  4. Un novo Pacto pola Ciencia.

Somos conscientes de que boa parte das cuestións formuladas deberán ser abordadas polo novo Goberno que saia das urnas. Porén, desde CCOO queremos lembrar que estamos ante medidas necesarias e imprescindibles para garantir a viabilidade e o funcionamento do sistema universitario público, que non poden seguir agardando indefinidamente.

Por iso, desde CCOO reclamámoslle ao Goberno a máxima celeridade na súa tramitación, especialmente daquelas medidas que se atopan na súa última fase, xa que as razóns de urxencia están máis que xustificadas.