A reunión comezou co anuncio das organizacións patronais da interposición dunha solicitude no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) para trasladar á sede deste a negociación do Convenio Colectivo, buscando a intervención dun mediador.
Logo da intervención inicial centrada no documento enviado polas organizacións patronais xusto antes da reunión anterior, CCOO expuxo unha proposta retributiva que permite, por un lado, solucionar a problemática que a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) está xerando nos grupos profesionais con salarios máis baixos; por outro, atenuar as dificultades que moitas entidades están a ter para cubrir determinados postos de traballo ante a imposibilidade de reter determinados perfís profesionais. Sen necesidade de cambiar a redacción do artigo 32, a proposta consiste en:
- Asinamento inmediato de táboas de 2025 con suba do 8,8 % (IPC acumulado de 2022 e 2023) para os Centros Especiais de Emprego e para os Centros Asistenciais. Aplicarase o criterio establecido no artigo 32 para distribuír o dito incremento.
- Actualización en xaneiro de 2026 das táboas asinadas para 2025. Aplicarase o IPC de 2024, distribuíndo a suba segundo o artigo 32, e engadirase un 2 % adicional sobre o salario base.
- Eliminar a figura de operario/a e establecer o salario base de auxiliar técnico no SMI, de xeito que non se absorbería ningún complemento retributivo. Manter un diferencial mínimo de 50 € para o técnico.
- Unha vez coñecidos os incrementos dos módulos de concerto, negociar as subas para os centros educativos.
As organizacións patronais rexeitaron a nosa proposta salarial e remitiron ao SIMA para continuar alí a negociación. Consideran que xa teñen asumido que en xaneiro de 2025 terán que aplicar os incrementos derivados da inflación acumulada durante 2022, 2023 e 2024, se ben non formulan solucións aos problemas anteriormente mencionados.
Nestes momentos están a producirse anomalías en moitos centros de traballo nos que persoas traballadoras que teñen a cargo outros compañeiros e compañeiras están cobrando exactamente o mesmo, a pesar de estar localizados en grupos profesionais diferentes. As organizacións patronais son conscientes desta problemática, pero non presentaron proposta ningunha que posibilite a súa resolución, máis alá de rexeitaren a nosa.
A reunión rematou sen que se fixase unha nova data, á espera de que nos convoque o SIMA. Ante a situación de parálise provocada polas organizacións patronais, CCOO fai un novo chamamento para que os traballadores e as traballadoras do sector secunden as accións de protesta.