Mellorar a educación infantil esixe financiamento e garantías laborais

Desde CCOO Ensino defendemos a redución das ratios na educación infantil de 0 a 3 anos como unha reivindicación histórica das traballadoras e das organizacións sindicais. É unha medida imprescindible para mellorar a calidade educativa, garantir unha atención máis individualizada á infancia e avanzar tamén na mellora das condicións laborais das profesionais.

Por iso, sorpréndenos o discurso das organizacións patronais da educación privada e concertada, que presentan os novos requisitos como unha ameaza para a continuidade dos centros e dos postos de traballo. Mellorar a educación non pode considerarse un problema, nin se pode utilizar o medo á perda de emprego para cuestionar avances que as propias traballadoras levan anos reclamando.

A redución das ratios non pode facerse sen financiamento, pero a falta de financiamento tampouco pode ser unha escusa para renunciar a ela.

CCOO é plenamente consciente de que a aplicación das novas ratios e dos requisitos de organización dos centros debe ir acompañada dos recursos económicos necesarios. Por iso, esiximos ao Goberno central e, especialmente, á Xunta de Galicia, que garantan o financiamento público suficiente para facer posible a súa aplicación, evitando que os custos recaian sobre os cadros de persoal ou comprometan a continuidade dos servizos.

Esiximos tamén garantías para o mantemento de todos os postos de traballo, a consolidación dos cadros de persoal e a mellora dos salarios e das condicións laborais. A aplicación progresiva da redución de ratios, prevista entre os cursos 2027-2028 e 2029-2030, debe servir para avanzar cara a un modelo educativo con máis persoal, máis estabilidade e mellor atención á infancia.

Defender os postos de traballo non pode significar defender postos de traballo precarios.

As traballadoras das escolas infantís levan décadas soportando baixos salarios, xornadas e condicións laborais que non se corresponden coa responsabilidade e a cualificación que require o seu labor. Non se pode responsabilizar dunha situación de precariedade a unha medida que pretende mellorar a atención educativa. As titularidades e as empresas que xestionan estes centros tamén teñen unha responsabilidade directa nas condicións laborais, salariais e na estabilidade dos seus cadros de persoal.

CCOO non defende ningunha norma de maneira incondicional. A nosa obriga é analizar o seu contido, reclamar as melloras necesarias e esixir as garantías que permitan que a súa aplicación non prexudique as traballadoras. Defendemos a redución de ratios, pero tamén o financiamento, o emprego e os dereitos laborais.

A educación infantil galega precisa máis investimento público, ratios máis baixas, persoal suficiente, recoñecemento profesional e emprego digno. Non se mellora a calidade educativa perpetuando a precariedade, nin se protexe o emprego renunciando a mellorar as condicións nas que se presta o servizo.

En CCOO Ensino non imos defender a precariedade como prezo para conservar o emprego.