Medidas de presión en resposta á indiferenza das organizacións patronais

XVI CONVENIO COLECTIVO DE CENTROS E SERVIZOS DE ATENCIÓN A PERSOAS CON DISCAPACIDADE. Reunión do 19 de marzo.

Na anterior reunión, o pasado 7 de febreiro, o banco sindical propuxo a modificación do artigo 29.2, coa intención de estender a regulación actual á práctica totalidade dos Centros Especiais de Emprego (CEE). Sobre esa proposta, a patronal CONACEE manifestou o seu acordo e realizou as súas achegas, mentres que o resto das organizacións patronais comprometéronse a enviar unha proposta antes da Mesa Negociadora do 19 de marzo, na que tamén tiñan que incluír a súa formulación do artigo 32.

A proposta chegou ás 13 horas do mesmo día da Mesa Negociadora, que comezaba ás 15:00. CCOO considera unha falta de respecto ao conxunto de persoas traballadoras e á negociación colectiva presentar dúas horas antes do inicio da reunión, tras esperar 42 días, un documento para valorar. Isto demostra a desidia, a falta de vontade negociadora e o nulo interese da maioría das organizacións patronais por avanzar na negociación e por mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector. O sindicato vén denunciando esta situación desde hai moito tempo e, ante a reincidencia, decidimos dar por concluída a reunión ao pouco de empezar, manifestando a nosa decepción e malestar pola actitude da maioría do banco patronal. A nosa decisión foi compartida pola patronal CONACEE que, ante o esperpento da situación, tamén a deu por finalizada.

A próxima reunión está convocada para o 4 de abril. CCOO vai estudar a proposta recibida e presentará contrapropostas, ao tempo que nos reafirmamos na idea de seguir mobilizando o sector con novas concentracións e, cando chegue o momento, trasladar o conflito aos centros de traballo como medida de presión.