Na concentración diante do Ministerio de Facenda, o coordinador da Área Pública de CCOO, Lucho Palazzo, esixiu o pagamento do 0,5 % pendente de 2024, un incremento salarial para 2025, completar o cumprimento do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI e negociar un novo acordo plurianual. Estas reivindicacións entregáronse a Facenda nun manifesto rexistrado no ministerio ao rematar a mobilización.
Máis dun milleiro de traballadoras e traballadores públicos manifestáronse este martes en Madrid diante do Ministerio de Facenda para esixiren unha mellora salarial xusta e significativa no sector público. Convocados pola Área Pública de CCOO (integrada pola Federación de Servizos á Cidadanía, a Federación de Ensino e a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios), reclamáronlle ao Goberno que acometa xa unha actualización salarial que evite que os máis de 3,5 millóns de persoas que traballan no sector público sigan perdendo poder adquisitivo.
Os indicadores económicos acreditan que a economía española funciona e faino mellor ca a media dos países europeos. O ano 2024 pechou cun crecemento por riba do ano anterior e iso permitiu revalorizar as pensións e o SMI.
O coordinador da Área Pública de CCOO, Lucho Palazzo, lembrou que nos temos sentado en varias ocasións co ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, pero as boas palabras transmitidas non se traducen en feitos. Non aceptamos que o cumprimento dos acordos logrados e pechados, como é o aboamento do 0,5 % pendente de 2024, quede supeditado a unha aprobación dos orzamentos xerais do Estado para este exercicio, que non sabemos se se producirá.
Desde a Área Pública de CCOO, esixímoslle ao Ministerio de Facenda que leve xa ao Consello de Ministros o aboamento desa contía que as persoas traballadoras do sector público teñen pendente de percibir do ano pasado. Así mesmo, reclamámoslle ao Goberno que abra xa a negociación para acordar unha mellora salarial de empregadas e empregados públicos para este ano 2025.
Amais disto, reivindicamos a urxencia de culminar o cumprimento do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, con aspectos pendentes aínda de aplicación, entre os que destacan:
- A plena implantación do modelo de clasificación profesional conforme o actual Marco Español de Cualificacións Profesionais.
- A negociación das modificacións normativas para o pleno establecemento e desenvolvemento dos plans de igualdade e os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo.
- A aplicación da xornada laboral das 35 horas.
- A garantía de atención presencial dos servizos públicos e un plan específico de dixitalización para as zonas de menor poboación ou en risco de exclusión.
- A creación de emprego neto nas Administracións públicas, redución da temporalidade e rexuvenecemento dos cadros de persoal.
- A dixitalización, captación e retención do talento, promoción interna, formación e carreira profesional.
E, así mesmo, pedimos que se inicie a negociación dun novo acordo plurianual que garanta o emprego, o salario e os dereitos para o persoal público.
A Área Pública de CCOO deixa claro que manterá e intensificará as mobilizacións ata que o Goberno atenda unhas demandas que o sindicato considera xustas, que dignifican os cadros de persoal e que redundarán na mellor atención á cidadanía e no fortalecemento dos servizos públicos deste país, claves para que unha sociedade democrática avance.

