O 27 de maio acudimos á convocatoria da Mesa Negociadora do V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores, logo da última reunión onde se iniciou a negociación da parte económica e na que, dada a enorme diferenza entre o exposto polas partes, non se alcanzou acordo ningún.
Na reunión, as patronais modificaron a súa última proposta cinguíndose só a algúns aspectos das distintas cuestións económicas que abrangue o convenio.
Respecto ás táboas salariais, ofreceron uns incrementos anuais porcentuais sobre os salarios brutos que se aplicarían ao complemento específico, en concreto co seguinte desenvolvemento:
| Anos | Medidas xudiciais en réxime pechado e/ou semiaberto | Resto de centros, recursos e programas |
| 2026 | 4 % | 6,2 % |
| 2027 | 4 % | 7 % |
| 2028 | 3 % | 7,6 % |
| 2029 | 3 % | 6,2 % |
Respecto ao complemento de antigüidade, formulan unha suba en 2026 a 18 € o trienio, en 2027 a 18,52 €, en 2028 a 19,1 € e en 2019 a 19,67 €. Non propoñen incremento ningún nos complementos de festividade e nocturnidade, xa que alegan que, como soben as contías dos salarios brutos, estes complementos tamén subirán. Aceptan subir a quilometraxe a 0,26 €. E con respecto ás axudas de custo, fan a seguinte proposta: 14 € a media axuda, 28 € a axuda completa e 80 € a axuda completa con pernoctación.
Como vimos anunciando, unha proposta deste tipo encóntrase aínda lonxe das pretensións e obxectivos que nos marcamos. En primeiro lugar, porque é ás claras insuficiente, fundamentalmente na táboa de medidas xudiciais, e non recolle as reivindicacións do sector; pero tamén porque son outras moitas as cuestións que formulamos na mesa (formación, excedencias, permisos retribuídos, saúde laboral, equiparación de táboas en 2026, etc.) e que, ou ben a patronal non se pronunciou sobre elas ou directamente verbalizou que non está disposta a abrir unha negociación verbo deses temas.
Así que a reunión rematou sen acordo ningún, volvéndonos citar o 17 de xuño. Calquera dúbida, necesidade de aclaración ou consulta, podes facela chegar á conta de correo reeducales@fe.ccoo.es.

