
Transcorridas dúas semanas dende o comezo das actividades lectivas do curso 2024/2025, as organizacións sindicais asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado galego, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, desexan facer balance da súa aplicación por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.
En primeiro lugar, queremos deixar constancia de dous efectos positivos que trouxo consigo o asinamento do acordo e o inicio da súa aplicación no curso actual:
- O acordo puxo fin á “sangría” de supresións de aulas, sobre todo no rural, á que estabamos acostumados curso tras curso nas últimas décadas. En efecto, este curso é o primeiro en moitos anos no que se crean novas aulas de catálogo, en concreto 10, e, polo tanto, postos de traballo con carácter definitivo (un total de 21). Rómpese, pois, a tendencia anterior, xa que só nos últimos tres anos o peche de aulas chegara a un total de 239 suprimidas en infantil e primaria e unha destrución de 334 postos de traballo no mesmo período. Este curso, pola aplicación do acordo, evitouse o peche de ata 204 aulas, o que supón case 300 postos de traballo que non foron suprimidos.
- O número de docentes en activo incrementouse significativamente con respecto ao último curso. En concreto, son 556 docentes máis no curso 2024/25 fronte ao anterior: 31 600 fronte a 31 044, o que se sumaría aos postos de traballo que non foron suprimidos grazas á aplicación do Acordo.
Hai que ter en conta que tanto a redución de supresións como o incremento de profesorado se producen nun contexto de crise demográfica, cunha redución de case 3000 alumnos no ensino público este curso fronte ao pasado. Aínda que esa diminución é moi similar á dos anos anteriores, no canto de traducirse no peche e eliminación de centos de aulas e postos de traballo, prodúcese o efecto contrario, polo que tales efectos positivos débense exclusivamente ao inicio da aplicación do Acordo.
EVOLUCIÓN DO ALUMNADO DE INFANTIL E PRIMARIA DO ENSINO PÚBLICO
EVOLUCIÓN DE UNIDADES E POSTOS DE TRABALLO DOCENTES DE ENSINO PÚBLICO CON CARÁCTER DEFINITIVO EN EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA
Pero, alén destes efectos positivos, tamén detectamos unha inadecuada aplicación en apartados concretos do Acordo, como no caso das ratios nas aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas e tamén no cómputo dobre e triplo do alumnado que acredite discapacidade e dependencia ou trastornos graves de conduta, que a Consellería está a aplicar de forma progresiva, algo que non se recolle no Acordo asinado.
Para coñecermos de primeira man todas as disfuncións na súa aplicación, dende o comezo das actividades lectivas, o día 11 de setembro, as organizacións asinantes consultamos a totalidade de centros educativos da comunidade autónoma, coa intención de facer un estudo sobre o grao de aplicación do Acordo centro a centro, cuxos resultados e conclusións presentamos a continuación.
As cifras totais mostran que nun 82 % dos centros o Acordo estase a cumprir na totalidade das súas disposicións, polo que só sería nun 18 % de centros, 195 en total, das catro provincias, onde se rexistran incumprimentos dalgún artigo concreto.
CENTROS ONDE SE APLICA A TOTALIDADE DO ACORDO E CENTROS QUE PRESENTAN DISFUNCIÓNS NA SÚA APLICACIÓN
Entre as principais disfuncións rexistradas, as maioritarias serían, sen dúbida, as ratios de aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas, cun total de 110 centros. A continuación estaría o cómputo dobre ou triplo de alumnado con discapacidade e dependencia ou trastornos graves de conduta, que supera a ratio máxima, chegando a un total de 67 centros onde se incumpriría este artigo concreto. De feito, o incumprimento das ratios do acordo de agrupamentos chega a supor nalgunha provincia, por exemplo Ourense, ata o 77 % de todos os rexistrados.
PRINCIPAIS CAUSAS DA INADECUADA APLICACIÓN DO ACORDO
Se se aplicase o acordo axeitadamente, e non de forma progresiva, habería 282 aulas máis e ata 396 docentes máis, que se sumarían aos 556 que se incrementaron dende o anterior curso, ata un total de 952 docentes máis ca o curso inmediatamente anterior, nun contexto de descenso de 3000 alumnos/as en infantil e primaria nos centros públicos.
INCREMENTO DO PROFESORADO NO CURSO 2024/25 CON RESPECTO AO ANTERIOR
Nalgúns centros, de aplicarse de forma axeitada o acordo, partindo da información facilitada e sempre que tivesen posibilidade de espazos para desdobrar, o incremento do profesorado sería de ata catro ou máis docentes a maiores da dotación actual: CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Areouta de Fisterra, CEIP Virxe da Barca de Muxía, CEIP Plurilingüe de Bragade de Oza Cesuras, CEIP Plurilingüe de Artes en Ribeira, CEIP das Fontiñas en Santiago de Compostela, CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla, CEIP Anexa, CEIP de Casás e CEIP Illa Verde en Lugo, CEIP Monte Baliño en Ferreira de Pantón, CEIP Virxe do Carme en Sober, CEIP de Agolada, CEIP de Armenteira en Meis, CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra ou o CRA A Lagoa de Salvaterra do Miño.
Dende as organizacións asinantes queremos agradecer a colaboración e boa disposición dos equipos directivos dos centros ao transmitirnos as cifras para facermos este estudo que, polo de agora, é o máis completo e rigoroso dos que se elaboraron sobre o cumprimento do Acordo de Medidas de Mellora. Lamentamos, non obstante, a falta de colaboración por parte dos equipos directivos dunha mínima parte dos centros, en concreto 16 (dun total de 750 centros consultados), que non nos proporcionaron datos.
Na próxima semana, as organizacións asinantes temos previsto entregar á Valedora do Pobo o estudo detallado cos centros onde se rexistran disfuncións na aplicación do Acordo. Da mesma forma, tal estudo xa está en mans dos servizos xurídicos das tres organizacións para comezar canto antes coa vía xudicial co fin de asegurar o cumprimento íntegro de todas as disposicións.
A pelota atópase agora no tellado da Administración que, para evitar a xudicialización do proceso, debería citarnos de forma inminente a unha reunión da comisión de seguimento do Acordo para acometer a corrección de tales disfuncións, que debería contar coa presenza da persoa asinante do Acordo por parte da Administración, o Presidente Rueda. Se tal xuntanza non se produce, non nos quedará máis remedio que acudir á vía xudicial para asegurar o cumprimento do asinado.
Finalmente, queremos rematar a nosa intervención cun agradecemento a todas as ANPAS e organizacións que están a reclamar que se cumpra ao xeito o acordo, sobre todo ás organizacións sindicais que non o asinaron e que incluso convocaron dúas folgas contra o seu asinamento. Rectificar é, sen dúbida, de sabios.