CCOO reúne case trescentas persoas nunha asemblea sobre os sectores feminizados

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este martes en Santiago de Compostela unha asemblea sobre traballadoras en sectores feminizados. As case trescentas persoas que se achegaron ata o edificio CINC, na Cidade da Cultura, escoitaron os testemuños de compañeiras de ámbitos laborais que se caracterizan polo gran número de mulleres que traballan neles e, sobre todo, pola precariedade que padecen.

Esta asemblea, presentada por Raquel Carballo, contou cunha intervención inicial de Armando Iglesias, secretario de Acción Sindical, quen fixo unha radiografía xeral sobre a situación dos sectores especialmente feminizados e dos problemas que atopan.

Neste encontro tamén participou o secretario xeral confederal de CCOO. Unai Sordo esixiulle ao Goberno de España unha modificación do contrato a tempo parcial, xa que «o 70 % das persoas que teñen esta modalidade son mulleres e máis da metade querería facer máis horas».

Segundo Sordo, ao longo do ano fanse «millóns de horas» que se chaman «complementarias» e que terían que formar parte «das xornadas laborais ordinarias» de milleiros de persoas traballadoras, fundamentalmente mulleres.

Na mesma liña se expresou a secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, quen incidiu en que a xornada a tempo parcial, na meirande parte dos casos, «non é desexada, senón unha imposición».

Ademais, criticou a fenda de xénero e os subterfuxios que utilizan numerosas empresas para non lles recoñecer ás traballadoras a categoría profesional que lles corresponde, tentando así evitar unhas retribucións acordes ao seu desempeño.

Amelia Pérez asegurou que os sectores feminizados son un «ámbito prioritario na nosa acción sindical» e lembrou que xa o foron con medidas como a suba do salario mínimo —que beneficiou sobre todo a mocidade e as mulleres— ou a reforma laboral —que actuou sobre a temporalidade, tamén beneficiando as mulleres.

A dirixente sindical tamén puxo en valor o carácter pioneiro de CCOO como organización feminista e a prol da igualdade, levando aos seus órganos a paridade entre mulleres e homes moito antes de que houbese lexislación ao respecto. «A igualdade demóstrase con feitos», subliñou.