Estado das negociacións
Ao longo dos últimos meses celebráronse seis reunións da Mesa Negociadora, nas que CCOO, como sindicato maioritario do sector, liderou a negociación. Nesta primeira fase presentamos as nosas reivindicacións en materia de contratación, resaltando a modificación e adecuación legal do contrato fixo-descontinuo, a mellora na regulación da cobertura de vacantes ou a redución dos períodos de proba e cesamentos voluntarios, entre outras.
Na reunión mantida o pasado 4 de xullo, as organizacións patronais expuxeron a necesidade de crear mecanismos de regulación e compensación das xornadas en servizos e actividades de campamentos e colonias, dada a singularidade de funcionamento e situación especial que se produce nestes servizos.
CCOO está en sintonía coa filosofía de ordenar estas situacións: debe visibilizarse o labor das persoas traballadoras nestes servizos e conseguir que se retribúa axeitadamente a dispoñibilidade e se respecten os tempos de descanso. Por isto, a nosa prioridade é que o complemento de dispoñibilidade incremente o seu valor do 10 % do salario base ao 40 %.
Finalmente, na última reunión, mantida o pasado 27 de setembro, o sindicato presentou a proposta en materia salarial para o IV Convenio Colectivo, á que se sumaron o resto de organizacións sindicais, nos seguintes termos:
- Para 2024, antes de aplicar os incrementos salariais, deberán actualizarse os salarios ao SMI para todos aqueles postos de traballo que se atopen por debaixo deste.
- Para as persoas que presten servizos en todos aqueles recursos, programas ou servizos de contratación pública, cuxo expediente de contratación se iniciase con posterioridade á publicación do convenio, proponse unha suba de arredor do 30 % repartida durante os anos de vixencia.
- Cando os recursos, programas ou servizos de contratación pública estean en execución ou sexan contratos privados, propoñemos subas do 2 % anual para 2024 e 2025. Ademais, trasladamos a necesidade de introducir unha cláusula de revisión salarial con maiores incrementos, no caso de que a inflación de cada ano sexa superior ao 2 %.
- Como punto de converxencia dos salarios, a partir do 1 de xaneiro de 2026, as táboas salariais de aplicación serán as mesmas para todas as persoas traballadoras afectadas polo convenio.
- Respecto ao complemento de dedicación, que actualmente ten unha contía anual de 435,48 €, propoñemos unha suba progresiva para que ao remate da vixencia do convenio chegue aos 870 €.
A próxima reunión da Mesa Negociadora terá lugar o vindeiro 15 de outubro. Nela, CCOO seguirá esixindo melloras substanciais que permitan un salto cualitativo nas condicións laborais das persoas traballadoras do sector.
Paralelamente, o sindicato esíxelles ás Administracións que supervisen os procesos de licitación e tomen as medidas oportunas para evitar situacións de empresas que, coñecedoras de que incumprirán o convenio colectivo, a lexislación laboral e mais os propios pregos, presenten ofertas temerarias para gañar a licitación.