A aplicación do acordo de retribucións de Función Pública no ensino concertado mellora as condicións salariais do profesorado en pagamento delegado e debe servir para que o próximo convenio aborde por fin as discriminacións do persoal do sector.
O apartado 4 do artigo 117 da LOE compromete a equiparación gradual da remuneración do profesorado da concertada co da pública das respectivas etapas; e a súa Disposición adicional 27.ª, aplicada ininterrompidamente durante vinte anos, dispón revisar os módulos de concertos nunha porcentaxe equivalente á das retribucións do persoal funcionario: para ben (incrementos) ou para mal (recortes e conxelacións).
Cando CCOO negocia co Goberno esas retribucións, coñece que os incrementos salariais acordados se aplican na concertada. É unha repercusión estatal cuxos efectos son:
- Suba do 2,5 % en 2025. Os atrasos abóanse nunha paga única, que supón para o profesorado de infantil, primaria e educación especial 660,68 euros no salario base; 149,44 no CRCA (complemento retributivo da comunidade autónoma) e 15,02 por cada trienio; e 775,84 euros no salario base; 152,21 euros no CRCA; e 18,93 por trienio para o de secundaria. A previsión da Consellería de aboar o pagamento dos atrasos é en xaneiro de 2026; febreiro, como moi tarde.
- Dentro dun mes, en xaneiro de 2026, haberá unha suba mínima do 1,5 % (que será do 2 % se o IPC de 2026 supera ese 1,5 %). Se contamos co 2 %, o salario pasará a 2419,92 euros en infantil, primaria e educación especial; e en secundaria, a 2772,24 euros. Ademais, en función dos acordos de cada comunidade e coa participación de FSIE e USO, haberá que revisar o complemento de equiparación de 2025 e 2026.
- Dentro de 13 meses, en xaneiro de 2027, o incremento será do 4,5 %, polo que o salario pasará a ser de 2528,82 euros en infantil, primaria e educación especial; e en secundaria, de 2896,99 euros (contando co 2 % en 2026).
- En 2028, a suba será do 2 %, para un total do 11,4 % (contando coa parte variable de 2026) sobre todos os conceptos retributivos. O salario pasará a ser de 2579,40 euros en infantil, primaria e educación especial; e en secundaria, de 2954,93 euros.
- Cubrirmos as costas ata 2029, no actual contexto de inestabilidade política e económica mundial, é positivo.
CCOO loitaremos neste período en cada comunidade, vinte anos despois de que o prometa a LOE, para que non continúen as actuais discriminacións (sexenios, titorías, departamentos…) e esperamos que o próximo convenio favoreza a súa negociación.

