Próxima convocatoria de sexenios na universidade

Consideracións tras a celebración do Pleno da CNEAI e o Consello Reitor de ANECA: período de solicitude de sexenios diferenciado para persoal funcionario e laboral e autorización previa para a avaliación do persoal laboral

Logo da reunión do Pleno da Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora (CNEAI) o pasado 9 de decembro, aprobáronse os criterios para a avaliación da actividade investigadora (sexenios) da próxima convocatoria, que axiña serán publicados no BOE. Os ditos criterios seguen a liña emprendida na anterior convocatoria e están dispoñibles na páxina de ANECA xunto co baremo para a próxima convocatoria.

Ademais da reestruturación dalgúns campos para facer máis eficiente a avaliación, desde CCOO chamámosvos a atención sobre dúas cuestións das que temos coñecemento:

  1. Vaise establecer un período de solicitude diferenciado para o persoal funcionario e para o laboral. Coma nas últimas convocatorias, o período de solicitude será dunhas tres semanas. Porén, nesta convocatoria o período para o persoal funcionario abrirase presumiblemente en xaneiro, aprazando a febreiro o período de solicitude para o persoal laboral. Esta medida ten como obxectivo facilitar a xestión das solicitudes e contribuír ao mellor funcionamento do aplicativo, que presentara problemas en anteriores convocatorias e sobre o que CCOO lle insistira ao Ministerio e a ANECA que puxesen solución.
  1. Desde o aplicativo esixirase que se xunte un documento de autorización da universidade para que o persoal laboral poida ser avaliado. Como sabedes, o persoal laboral que é avaliado pola CNEAI (ANECA) éo sobre a base de convenios que para tal efecto as universidades asinan con ANECA. Ata o de agora, as universidades enviaban a ANECA unha listaxe de persoas solicitantes despois de finalizar o período de solicitude para que a cotexase o organismo avaliador. Agora, as universidades asinarán un documento de autorización que as persoas solicitantes deberán xuntar á solicitude. Isto evitará algunhas disfuncións detectadas en convocatorias anteriores. O modelo de autorización xa está en mans das universidades para que o apliquen cando comece o período de solicitude do persoal laboral.

Neste punto, desde CCOO lembramos que todo o persoal laboral, tanto a tempo completo como a tempo parcial, ten dereito a someter a avaliación a súa actividade investigadora e, en caso de resolución positiva, ao cobramento do complemento retributivo establecido sempre que cumpra cos requisitos temporais e de actividade.

Por outro lado, sabemos que ANECA está facendo un chamamento ás axencias rexionais de avaliación para que avalíen o persoal laboral que traballa nas universidades dos seus territorios. Neste sentido, anuncia que será o derradeiro ano que asinen ou renoven os convenios para a avaliación deste persoal coas distintas universidades. Algunhas axencias parece que xa o van asumir nesta próxima convocatoria, como Cataluña e quizá o País Vasco.

Desde CCOO esiximos que se garanta o dereito á avaliación deste persoal e que se establezan, de forma previa, criterios e procedementos de recoñecemento mutuo das avaliacións entre as distintas axencias e tamén con ANECA. E todo isto respectando e garantindo o dereito ao recoñecemento pleno da actividade, á carreira profesional e á mobilidade do profesorado universitario, así como a coherencia do sistema. Facemos un chamamento para que as comunidades autónomas exerzan as súas competencias sen comprometer parte do orzamento das súas universidades públicas: as axencias rexionais non só están para autorizar a creación de centros adscritos, senón para avaliar o profesorado e velar pola calidade e coherencia do sistema público universitario.