Fronte a estudos interesados, CCOO esixe reducir as ‘ratios’ nas aulas para garantir a calidade educativa e frear o desgaste do profesorado

A educación non se pode xestionar simplemente desde criterios de eficiencia económica nin limitarse a comparacións simplistas.

CCOO Ensino reafirmamos a nosa reivindicación respecto á redución efectiva do número de alumnos e alumnas por aula como unha medida imprescindible para garantir a calidade do sistema educativo, a igualdade de oportunidades e unhas condicións de traballo adecuadas para o profesorado.

O sindicato é tallante á hora de asegurar que o debate sobre as ratios non pode limitarse a cálculos economicistas nin a comparacións simplistas, baseadas unicamente en resultados de probas estandarizadas, tal como apareceu na prensa estes últimos días en referencia a un estudo sobre o tema.

O sistema educativo afronta un contexto cada vez máis complexo, cunha maior diversidade nas aulas e unha crecente esixencia ao profesorado, pero estas demandas non veñen acompañadas dunha mellora suficiente das condicións estruturais do sistema, o que dificulta o labor educativo, a xestión da convivencia e pon en risco a calidade do servizo público que prestan os centros.

Para o sindicato, o tamaño dos grupos inflúe directamente na posibilidade real de atender a diversidade do alumnado, detectar dificultades a tempo e ofrecer unha atención educativa personalizada. En aulas masificadas resulta moito máis difícil desenvolver procesos de ensino inclusivos, especialmente cando aumenta a presenza de alumnado con necesidades educativas específicas ou en situación de vulnerabilidade social.

A evidencia mostra que a redución de ratios ten efectos especialmente positivos entre o alumnado con maiores dificultades ou máis vulnerable. Por iso, o sindicato propón, amais dunha baixada xeral das ratios, que todo o alumnado con calquera necesidade conte dobre para os efectos de ratio, para baixalas máis onde máis se necesita.

Neste sentido, CCOO lembra que a mellora da equidade e a inclusión debe ser un obxectivo central de calquera política educativa, e que garantir condicións adecuadas nas aulas é unha ferramenta clave para reducir as desigualdades que conviven día a día nos centros.

O tamaño dos grupos tamén ten un impacto directo no benestar do profesorado e, por tanto, na calidade do proceso educativo. As ratios elevadas incrementan a carga de traballo, dificultan a xestión da aula e aumentan o desgaste profesional, o que repercute negativamente no clima educativo, nos resultados do alumnado e na saúde mental.

Por iso, o sindicato reclámalles ás Administracións educativas que sitúen a redución de ratios como unha prioridade das políticas públicas en educación, acompañada dun incremento de cadros de persoal docentes, mellores condicións laborais e de recoñecemento do profesorado e recursos especialistas suficientes para atender adecuadamente a diversidade do alumnado.

A educación non pode xestionarse unicamente desde criterios de eficiencia económica. Así, garantir o dereito á educación esixe investir en condicións que permitan ensinar e aprender en ámbitos adecuados. Reducir as ratios nunca será un gasto superfluo, senón un investimento necesario para construír un sistema educativo máis xusto, inclusivo e de maior calidade.