
Ao Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia
A folga parcial do pasado 9 de setembro no ensino concertado, xunto coas concentracións realizadas en cinco cidades, nas que arredor de 2500 traballadores e traballadoras do sector reclamaron o que consideramos xusto, evidencian o crecente malestar e a sensación de abandono que existe no colectivo.
Esta folga e estas mobilizacións non poden ser ignoradas nin minimizadas. Son a expresión clara dun colectivo de traballadores e traballadoras que esixe ser escoitado e tratado co debido respecto.
Todas as organizacións sindicais convocantes da folga e das concentracións coincidimos en valorar o seu resultado como un éxito, que evidencia que o curso non se iniciou con normalidade.
E isto, ademais, malia os servizos mínimos abusivos impostos pola Consellería, que dificultaron o exercicio efectivo do dereito á folga. Tal e como xa anunciamos, procederase á súa impugnación por consideralos abusivos e inxustificados.
Resulta inaceptable que, de maneira reiterada, a Consellería continúe ignorando un colectivo que representa aproximadamente o 30 % do alumnado galego, un terzo do servizo público de educación de Galicia que merece consideración, respecto institucional e unha mellora das súas condicións laborais e salariais despois de moitos anos de abandono.
E temos todo o dereito a esixilo.
A Consellería presume de calidade educativa, esquecendo que non hai educación de calidade sen profesionais dignamente valorados e retribuídos. As nosas condicións laborais repercuten directamente na calidade educativa da que Galicia quere ser referente. Menos propaganda e máis feitos coa apertura de negociacións!
A resposta da Consellería ás nosas múltiples solicitudes, peticións, mobilizacións e, finalmente, á convocatoria de folga, foi o silencio.
Parece que non merecemos nin sequera unha resposta.
Nin sequera se está a cumprir coa obriga de convocatoria anual da Mesa Tripartita do Ensino Concertado, unha Mesa que debería funcionar como un espazo real de diálogo e negociación e non limitarse a ser un mero foro de comunicación.
Esta situación é insostible.
Ante esta falta de resposta e de vontade negociadora, queremos deixar claro que, se a Consellería non establece un calendario de negociación, as organizacións sindicais temos un calendario de mobilizacións.
E este calendario irá en aumento mentres a Consellería non asuma a súa responsabilidade e se sente a negociar.
Novas xornadas de folga
- 6 DE OUTUBRO
- 10 DE NOVEMBRO
- 15 DE DECEMBRO
E o 6 de outubro, ademais, teremos unha:
MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Por todo o exposto, solicitamos:
- A convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do ensino concertado e a apertura de negociacións sobre os numerosos temas que permanecen pendentes, establecendo unha calendarización para os próximos anos dos acordos que deben ser asinados.
- Desbloqueo dos Acordos de homologación salarial e desenvolvemento profesional, incluíndo:
- Aboamento dos complementos de coordinación, titorías, dinamización lingüistica…
- Complementos de cargo.
- Paga extraordinaria de antigüidade.
- Redución da carga lectiva.
- Mellora dos acordos de xubilación parcial con contrato de relevo, incorporando a todo o persoal.
- Financiamento dun complemento autonómico para o Persoal de Administración e Servizos (PAS).
As organizacións sindicais asinantes consideramos que a situación actual require unha resposta inmediata por parte da Consellería. Non é aceptable continuar adiando cuestións que levan anos pendentes, nin manter bloqueada a negociación mentres o malestar no sector continúa medrando.
A responsabilidade de dar resposta a esta situación corresponde á Administración educativa. As organizacións sindicais temos demostrado a nosa disposición ao diálogo e á negociación, pero o diálogo require necesariamente vontade de negociar e non pode substituírse polo silencio nin pola ausencia de convocatoria da Mesa.
Por iso, reiteramos a esixencia dunha convocatoria inmediata da Mesa Tripartita do Ensino Concertado e do establecemento dun calendario de negociación que permita abordar e resolver as cuestións pendentes.
De non producirse avances, as organizacións sindicais manteremos o calendario de mobilizacións anunciado e adoptaremos as medidas que consideremos necesarias para defender os dereitos e as reivindicacións do persoal do ensino concertado.
Quedamos á espera dunha resposta que estea á altura da responsabilidade institucional que representa a Consellería.
Atentamente,


