Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Neste 3 de decembro, reivindicamos o fomento de sociedades inclusivas para o progreso social.

Este ano celébrase o Día Internacional das persoas con discapacidade baixo o lema “Fomentar sociedades inclusivas para o progreso social”.

Aínda segue sendo necesario recoñecer que as persoas con discapacidade continúan enfrontándose á discriminación laboral, reciben salarios máis baixos e moitas veces desempeñan actividades fóra da economía formal.

Por iso, debemos expor perspectivas de futuro ante os novos retos sociais para fomentar a inclusión plena das persoas con discapacidade, pero sen esquecer recoñecer que as desigualdades afectan de maneira diferenciada a mulleres, homes e persoas LGTBIQA+.

Incorporar a perspectiva de xénero implica visibilizar as barreiras específicas que enfrontan especialmente as mulleres e nenas con discapacidade –quen adoitan experimentar múltiples formas de discriminación– e garantir que as políticas e accións promovan a súa participación equitativa en todos os ámbitos da vida social. Só mediante un enfoque interseccional poderemos avanzar cara a un progreso e un desenvolvemento social verdadeiramente inclusivos, onde todas as persoas poidan exercer os seus dereitos en igualdade de condicións.

A inclusión das persoas con discapacidade como axentes e beneficiarias do desenvolvemento social é indispensable en todos os aspectos da vida social, económica, cultural e política. Necesitamos construír un mundo máis xusto, inclusivo, equitativo e sostible, e advertir que o avance do desenvolvemento social depende e require da inclusión de todos os segmentos da sociedade.

E non podemos esquecer tampouco ás e aos profesionais do sector que traballan atendendo as súas necesidades, moitas veces en condicións de precariedade e inestabilidade. Isto é especialmente preocupante, dado o gran valor que ten o seu labor, especialmente na educación de nenas e nenos.

Como ben afirma a ONU, a realización plena e completa dos dereitos humanos de todas as persoas con discapacidade é un compoñente inalienable, indisociable e indivisible de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais. E para iso, desde CCOO Ensino defendemos que é urxente contar coas e cos profesionais que cada día se dedican a brindarlles as ferramentas necesarias para a súa inclusión na sociedade.