O Consello Confederal de Comisións Obreiras, reunido este martes, acordou definitivamente dar o seu respaldo ao Acordo Marco pola Mellora do Emprego Público e o Servizo á Cidadanía, quedando pendente agora de realizar o acto formal de firma xunto ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
O Consello Confederal do sindicato destacou o papel relevante xogado por CCOO na negociación deste novo acordo, para facer avanzar as condicións de traballo e salariais do colectivo, xunto ás garantías de prestación dos servizos públicos esenciais, e comprometeuse a traballar para o cumprimento efectivo dos compromisos en materias pendentes do anterior acordo marco firmado en 2022 e dos contidos que aínda non se cumpriron no momento desta negociación.
O Consello Confederal, máximo órgano de goberno do sindicato entre congresos, agradeceu o esforzo negociador e o papel xogado polos representantes de CCOO para que este novo acordo recolla medidas necesarias, positivas, e os seus compromisos de cumprimento, así como recoñece e aplaude a participación do persoal de todas administracións públicas nas mobilizacións convocadas por CC.OO e outros sindicatos ata conseguir a presentación dunha proposta viable por parte do Goberno.
O acordo debe ser o camiño para avanzar en novos dereitos e garantías, e CC.OO estará vixiante para o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno a través do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.
CC.OO esixirá pois o cumprimento do acordado agora, e tamén dos compromisos sobre materias pendentes do anterior acordo. El propio texto do acordo contempla a creación dunha Comisión de Seguimento para o análise e desenvolvemento de todas as medidas contempladas no mesmo; Comisión que ten que constituírse nas próximas semanas.
En materia retributiva, o acordo contempla a subida salarial do 2,5% para este mesmo ano 2025, con efectos de 1 de xaneiro, e dun 1,5% máis dende o próximo 1 de xaneiro de 2026; co cal na nómina de xaneiro o persoal da USC verá incrementado o seu salario un 4%, ademais de percibir os atrasos do 2,5% de todo o ano 2025.
