O pasado mércores, 27 de novembro, a Facultade de Formación do Profesorado da USC de Lugo acolleu unha nova edición da xornada “Falando de ensino coas organizacións sindicais”. CCOO Ensino participou neste encontro, xunto a outras organizacións (CSIF, STEG e UGT), co obxectivo de achegar ao alumnado información sobre o acceso á función docente.
Dende CCOO Ensino abordamos cuestións fundamentais para o futuro das mestras e mestres, debullando a estrutura e as fases do proceso de oposición e realizando unha análise pormenorizada dos baremos. Tratáronse temas laborais de relevancia, descoñecidos moitas veces polo estudantado, como son os sexenios ou as listas de profesorado substituto.
Unha xornada con espazo para o debate e a crítica
Seguindo a liña de edicións anteriores, a xornada buscou que o alumnado adoptase un papel activo. Tras as exposicións iniciais, no tramo final organizouse un faladoiro onde os futuros docentes puideron trasladar as súas preguntas. Nesta ocasión, o debate centrouse non só na preparación das probas ou a inserción laboral, senón tamén en aspectos sociais como a conciliación ou o papel da escola pública na sociedade.
Estas xornadas, organizadas pola USC e os sindicatos, son unha ferramenta indispensable na súa dobre vertente informativa e formativa. Para CCOO Ensino, representan unha oportunidade única para achegar a realidade sindical ao alumnado, dar a coñecer os mecanismos de defensa dos seus dereitos e traballar xuntos por unha educación que mellore as condicións docentes e, por ende, a calidade do ensino que recibe o noso alumnado.
