FECCOO esixe formación, sensibilización e medios persoais e materiais para motivar a participación das nenas e as mozas nas carreiras STEAM.
España avanza en materia de igualdade, lentamente, pero avanza. Estamos no cuarto lugar no Índice Europeo de Igualdade de Xénero. Pero quédanos un longo camiño por percorrer.
A pesar diso, os datos en educación e ciencia dinnos que existen importantes, mesmo podemos dicir alarmantes, fendas de xénero, especialmente no ámbito da Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñería, as Artes e as Matemáticas (STEAM). A porcentaxe de mulleres que elixe estas carreiras sitúase por baixo das medias estatísticas da OCDE e a Unión Europea, sendo apenas un 13 %.
A elección de estudos de Formación Profesional repite o mesmo patrón que en universidades, cunha presenza baixa de mulleres en disciplinas tecnolóxicas e científicas. Por exemplo, nas titulacións da familia de Informática e Comunicacións, as mozas supoñen o 17,1 % en Grao Básico, 8,5 % do alumnado de Grao Medio e o 14,9 % de Grao Superior.
Para mellorar a presenza das mulleres nas STEAM é necesario ter máis referentes femininas, currículos, materiais educativos e libros de texto con presenza de mulleres.
Por suposto, impulsar na carreira investigadora ás mulleres, xa que seguen sendo unha minoría as que alcanzan postos de responsabilidade e liderado científico (un 26,8 % de catedráticas na Universidade, segundo o estudo Brecha salarial de género en las universidades públicas españolas, e un 26,9 % de profesoras de investigación no CSIC, segundo o informe Mujeres Investigadoras 2024).
Nos centros educativos débese traballar a perspectiva de xénero e a igualdade todo o ano e non só en días sinalados. Para iso, desde FECCOO insistimos na necesidade da formación e a sensibilización de toda a comunidade educativa, dotando de medios persoais e materiais a todos os centros educativos e socioeducativos, por exemplo, empezando por que as persoas responsables de igualdade dos centros conten con crédito horario.
