CCOO e a USC asinan un acordo marco para mellorar as condicións laborais dos entes dependentes da Universidade

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia acaban de asinar un acordo marco que establece as bases para a clasificación laboral, as retribucións e as condicións de traballo do persoal dos entes dependentes ou adscritos á institución académica. O obxectivo é establecer un ámbito común para facilitar a negociación colectiva e garantir unhas condicións mínimas uniformes.

O acordo, rubricado por Antonio Javier Ferreira, xerente da USC, e Amelia Pérez Álvarez, secretaria xeral de CCOO, ten como obxectivo unificar criterios e mellorar as condicións laborais dun conxunto de traballadores e traballadoras que, ata o momento, estaban suxeitos a normativas heteroxéneas. Con todo, non se inclúe o persoal de limpeza da Fundación USC, que dispón dun marco propio.

Un paso adiante na regulación laboral

O acordo abrangue cuestións fundamentais como a xornada laboral, a actualización de retribucións, os permisos retribuídos e a posibilidade de teletraballo. Entre os aspectos máis salientables está a asunción dunha xornada laboral máxima de 37,5 horas —na liña do pactado entre o Goberno de España e os axentes sociais—, pero co compromiso de reducila progresivamente ata as 35 horas no prazo de tres anos.

Tamén se establece a percepción do 100 % do salario en caso de incapacidade temporal ou unha estrutura común de clasificación profesional —dividindo o persoal en diferentes grupos en función da súa cualificación e competencias—. Do mesmo xeito, regúlase o sistema retributivo para garantir a equiparación cos incrementos salariais do sector público e respectar os dereitos económicos adquiridos.

Cara a unha maior integración doutros colectivos

Desde CCOO destácase a relevancia deste acordo como un primeiro paso fundamental de cara á mellora das condicións laborais das persoas traballadoras da USC e das entidades vinculadas. A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez Álvarez, salientou que «este acordo supón un avance significativo na homoxeneización das condicións laborais no ámbito da universidade, e confiamos en que sente as bases para que outros colectivos se sumen a este marco común».

O contido do acordo comeza a aplicarse decontado ás entidades Fundación Rof Codina e Cursos Internacionais da USC, aínda que se prevé a súa ampliación progresiva a outros entes dependentes da Universidade.

Texto íntegro do Acordo Marco para a clasificación laboral, retribucións e condicións de traballo dos entes dependentes ou adscritos á Universidade de Santiago de Compostela