CCOO Ensino participa nas Xornadas “Falando coas organizacións sindicais”, na USC en Santiago

O martes, 5 de febreiro, celebraráronse na Facultade de Formación do Profesorado as Xornadas “Falando de ensino coas organizacións sindicais”, nas que catro organizacións sindicais (CCOO, CSIF, STEG e UGT) trataron diversos aspectos obxecto de especial interese para as futuras mestras e mestres, como o acceso á función docente, o proceso de oposición, a formación ou as listas de substitución.

As xornadas están pensadas para que o alumnado participante adopte un papel activo e crítico, para o cal se contempla un faladoiro no que poden trasladar aos representantes das organizacións sindicais as súas inquedanzas con respecto ao seu futuro profesional e aos novos retos que se lle demandan a unha escola que pretenda dar resposta aos desafíos da sociedade do Século XXI.

Organizadas pola USC e as catro organizacións sindicais, as Xornadas sitúanse na dobre vertente informativa e formativa, e permiten resolver dúbidas á vez que ofrecen unha oportunidade para que o alumnado tome contacto coa labor dos sindicatos e o seu traballo a prol de cambios na educación que redunden na mellora das condicións docentes e, por ende, na mellora da calidade da formación que se ofrece aos nenos e nenas.