XVI CONVENIO DE CENTROS E SERVIZOS DE ATENCIÓN A PERSOAS CON DISCAPACIDADE
As persoas traballadoras dos centros de educación especial, dos centros especiais de emprego e dos centros de atención a persoas con discapacidade que atendemos en centros de día, centros ocupacionais, residencias e centros de atención temperá, entre outros, saímos hoxe á rúa, unha vez máis, en defensa dos nosos dereitos, para exixir condicións dignas que estean á altura da profesionalidade coa que prestamos os nosos servizos.
As entidades para as que traballamos, cando presentan os seus proxectos, falan de compromiso coa creación dun marco de relacións laborais xusto que permita aos e ás profesionais do sector traballar nun ambiente de recoñecemento e calidade adecuados, que redunde na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.
Pero tales intencións non se corresponden coa realidade das condicións laborais actuais, xa que non se axustan nin ao compromiso, nin á xustiza, nin á calidade, nin ao recoñecemento do esforzo que realizamos os traballadores e traballadoras dos seus centros. A inacción e desidia das organizacións patronais durante a negociación do XVI Convenio Colectivo así o pon de manifesto. Obrigáronnos a xudicializar a inaplicación do artigo 32 que impedía a revisión salarial en 2022 e agora, tras as últimas reunións da Mesa Negociadora, nas que non posibilitan avance ningún, fórzannos a iniciar unha campaña de mobilizacións que irán en aumento se non se producen avances significativos.
Despois duns anos difíciles nos que sufrimos situacións moi complicadas, en especial durante a pandemia, cando unha boa parte das persoas traballadoras vimos como aumentaba a carga de traballo, duplicando as nosas xornadas, e como expoñiamos a nosa saúde en condicións de traballo moi precarias para atender as persoas ao noso cargo, chegou o momento de que as patronais reflictan no convenio colectivo o seu recoñecemento ao noso esforzo. A profesionalidade do sector non se corresponde nin coas condicións laborais, carentes de melloras sociais, nin coas retribucións do convenio, especialmente nos grupos profesionais con salarios máis baixos.
CCOO e UGT non podemos aceptar un modelo de emprego marcado pola precariedade laboral e avisamos de que, se a situación actual se estanca, o conflito pode trasladarse aos centros de traballo.
UGT e CCOO apostamos pola vía negociadora en todo momento, presentando propostas encamiñadas a mellorar as actuais condicións laborais. Sempre estivemos abertos ao diálogo pero se o que pretenden as organizacións patronais é que os que sustentan o sector sigan pagando as consecuencias da súa inacción, entón terannos en fronte.
As e os profesionais do convenio de atención a persoas con discapacidade estamos dispostos a seguir coas mobilizacións ata que a situación actual se reverta.
NON ESTAMOS DISPOSTOS A PERDER MÁIS DEREITOS!
NON AO INMOBILISMO PATRONAL!
NON Á PRECARIEDADE LABORAL!
E ESTAMOS AQUÍ PORQUE MERECEMOS:
- Un salario xusto!! Sen absorcións nin compensacións do N1 e N2
- Melloras na incapacidade temporal
- Novos complementos salariais
- Días de asuntos propios
- Acceso á xubilación parcial
- Un novo nivel de desenvolvemento profesional, N3