Unha vez máis, as distintas administracións públicas, independentemente da súa cor política, confunden «servizos esenciais» co mantemento da actividade escolar ordinaria. A imposición de servizos mínimos que alcanzan o 50 % en comunidades como Castilla-La Mancha ou Extremadura, ou dunha educadora por unidade en Murcia e Castilla y León non busca protexer a seguridade dos menores, senón desactivar o impacto da mobilización.
CCOO denuncia a estratexia contraditoria e interesada da Administración respecto ao primeiro ciclo de Educación Infantil, baseada nos seguintes eixes:
Dobre vara de medir: CCOO critica que a Administración catalogue a etapa de «asistencial e voluntaria» para escatimar investimento e melloras laborais, pero que a declare «servizo esencial» só para impoñer servizos mínimos abusivos que anulan o dereito á folga.
Vulneración de dereitos: arguméntase que, se a etapa non é obrigatoria pola LOMLOE, non se pode priorizar a «garda e custodia» sobre o dereito fundamental á folga. Impoñer servizos mínimos superiores aos da educación obrigatoria é un ataque directo á liberdade sindical.
Coherencia orzamentaria: o sindicato esixe que, se a Administración considera o servizo como «esencial», actúe en consecuencia dotándoo dos mesmos recursos, ratios e salarios que o resto das etapas educativas. Non se pode ser «esencial» para traballar, pero «secundario» para cobrar e recibir medios.
Educación fronte a «aparcamento»: a folga busca dignificar a etapa. CCOO rexeita que o ciclo 0-3 sexa tratado como un mero instrumento de conciliación económica e esixe a súa integración plena nunha rede pública de calidade con dereitos laborais dignos.
Ou se recoñece a etapa como educativa para todos os efectos (incluíndo o investimento), ou non se pode instrumentalizar o seu valor social para desactivar as lexítimas protestas das traballadoras.
CCOO non vai ficar de brazos cruzados. Estamos a estudar a impugnación destes decretos por consideralos abusivos. Non se pode defender unha educación 0-3 de calidade se se amordaza as persoas que a sosteñen acotío. O 7 de maio, malia os atrancos, imos saír á rúa!

