A Orde ISM/386/2024, de 29 de abril, posibilitaba o cómputo da cotización por períodos de formación ou realización de prácticas non laborais e académicas que non cotizaran á Seguridade Social por non se esixir no momento en que se desenvolveron, a través da subscrición de convenios especiais entre as persoas interesadas e a propia Seguridade Social.
Actualmente, estamos en pleno período de presentación voluntaria da declaración da renda do ano 2025 e ás persoas que asinaron este convenio e comezaron o seu pagamento no ano obxecto da declaración (2025) xórdelles a dúbida de se estas cotas son deducibles da súa declaración da renda, como o é a cota ordinaria do seu salario.
Ante esta dúbida e logo de consultar coa Axencia Tributaria, podemos afirmar que «se se subscribiu un convenio especial coa Seguridade Social para xerar, manter ou ampliar o dereito ás prestacións da Seguridade Social, poden deducirse dos ingresos do traballo as ditas cotizacións», tendo en conta que as cotizacións aboadas froito de convenios especiais se asimilan ás cotizacións á Seguridade Social ou mutualidades xeradas de xeito obrigatorio.
Ademais, esta dedución poderá efectuarse aínda que non se teñan ingresos de traballo no período da declaración ou os ingresos fosen inferiores ás cotizacións, xerándose un rendemento neto negativo.

