A Mesa reuniuse onte, 6 de maio, co fin de avanzar na renovación das categorías profesionais do convenio.
A proposta de CCOO ten como principais obxectivos a inclusión no convenio daquelas categorías que son propias das empresas concernidas e que non aparecen na redacción actual; a equiparación do primeiro ciclo de Educación Infantil co seu segundo ciclo e a Primaria; a extinción, coa súa correspondente cláusula transitoria, das categorías que desaparecen de forma paulatina; e, por último, o xusto recoñecemento de funcións e retribución das categorías existentes na redacción en vigor. Polo tanto, trátase dunha redacción que modifica substancialmente o articulado para adaptalo á realidade, facelo máis operativo e, sobre todo, recoller as demandas do sector.
A patronal pretende realizar cambios baseándose nos seguintes principios: «funcionalidade, polivalencia razoable, adaptación á dimensión do centro, garantía persoal, proporcionalidade retributiva». Disto pódese entender que hai principios de acordo canto á garantía dos dereitos persoais e de categorías. Non obstante, non podemos aceptar termos como «razoable» que, pola súa vaguidade, pode levar a abusos e sobrecarga laboral.
FSIE, USO e UGT presentan unha proposta conxunta desenvolvida na que coinciden coa patronal na necesidade de incluír categorías inexistentes. Así mesmo, asenta en principios para evitar a infraclasificación. Por outro lado, inclúe unha novidade coa que se establecen tres niveis funcionais transversais: nivel de execución, nivel técnico ou especializado e nivel de dirección funcional e responsabilidade. Este punto, coa súa redacción actual, implicaría a desaparición de certas categorías de responsabilidade e, con elas, tamén desaparecería a garantía de contratación para elas e a inestabilidade do persoal afectado. Propoñen tamén a aplicación do Marco europeo de clasificacións, onde non se establecen salarios por titulación de maneira automática, pero si ordenar e xerarquizar responsabilidade. Finalmente, propón a regulación da polivalencia funcional para evitar abusos, malia non termos aínda as precisións necesarias para a súa valoración.
En calquera caso, desde CCOO imos analizar a fondo as diferentes propostas e seguiremos loitando por alcanzar un acordo que dea resposta ás necesidades e reivindicacións do sector.

