O pasado martes, día 11, celebrouse unha reunión coa Dirección Xeral de Recursos Humanos para tratar o posible acordo de xubilación parcial e o exceso de horas en pagamento delegado en 32 centros concertados de Galicia.
Xubilación parcial
A pesar do ton triunfalista que o sindicato maioritario leva utilizando nos seus anuncios a boca chea durante todo o curso, a realidade actual é que só existe un borrador. Este borrador tratarase na Mesa Tripartita a finais de mes e aínda non foi remitido ás organizacións sindicais. O director xeral anunciou que se estudará unha redución de xornada de entre un 25 % e un 50 %. Desde UGT e CCOO, que consideramos insuficiente a proposta da consellería, queremos que se aplique coas mesmas condicións que prevé a lei da seguridade social, é dicir, ata un 75 % se a persoa remudista asina un contrato a tempo completo. Ademais, fixemos notar que a persoa remudista debe proceder das listas do paro, o que dificulta que sexa alguén que xa estea en activo na empresa.
Para nós, esta medida non serve para evitar os despedimentos por decaemento de natalidade ou por exceso de ratio debido a antigos acordos de recolocación. Xa anunciamos que só asinaremos un acordo que beneficie as condicións laborais das persoas traballadoras. Aínda estamos nun proceso previo á negociación que se fará na Mesa Tripartita, polo que non damos o acordo por pechado e aspiramos ás mellores condicións.
Exceso de horas en pagamento delegado
A Consellería confirmou que os centros afectados son 32 e que xa foron avisados en tempo e forma de que deberán realizar a regularización de forma inmediata para o curso 2024/25.
A Consellería delega por completo a responsabilidade nas patronais e non considera ningún tipo de solución no caso de se produciren despedimentos. Non obstante, son optimistas e pensan que os danos han ser mínimos, xa que mantiveron varias reunións coa patronal antes do aviso e esta dispuxo dun ano de moratoria para ir regularizando a situación.
Ninguén quere asumir a culpa, pero os pratos rotos pagaranos, coma sempre, as persoas traballadoras, en forma de reducións horarias ou despedimentos. Por este motivo, solicitamos que se inclúa na orde do día da Mesa Tripartita a negociación de medidas que palíen os efectos negativos e se lle dea voz á parte social, que ata o de agora non foi escoitada.
Decaemento de ratio
Por último, déronnos un dato moi importante: grazas ao acordo de redución de ratios asinado por UGT e CCOO evitouse o peche de case todas as unidades de 4.º de Infantil. Esta medida si que é eficaz para evitar os despedimentos por decaemento de natalidade. Mentres uns sindicatos venden fume e ilusionan as persoas traballadoras con medidas que nunca chegan, nós traballamos con eficacia.
Manterémosvos ao tanto da convocatoria da Mesa Tripartita e de toda a información da que dispoñamos. UGT e CCOO comprometémonos a traballar para acadar as mellores condicións na negociación da Mesa Tripatita.