Despois de toda a presión de CCOO e as máis de 100 000 sinaturas remitidas á ministra, por fin o Ministerio convocou o inicio das negociacións sobre a profesión docente cunha Mesa Sectorial o próximo 14 de xaneiro.
O sindicato ten moi claras as prioridades para esta negociación, cos temas máis importantes para o profesorado:
- Mellorar as retribucións do persoal docente coa suba dos niveis de complemento de destino e a inclusión de todos os corpos no subgrupo A1.
- Reducir a sobrecarga de traballo con redución do horario lectivo semanal de cada docente e da súa xornada total. Tamén coa redución das ratios dos grupos e de alumnado por cada docente, facendo que todo o alumnado con calquera necesidade específica de apoio educativo conte polo menos dobre a efectos da ratio das aulas e un incremento da rede de orientación e dos apoios específicos para todas as necesidades e dificultades, ambas as medidas para unha mellor atención á diversidade.
Por suposto, hai outros moitos temas e reivindicacións que queremos negociar para unha verdadeira lei de estatuto docente como son: a formación inicial, o ingreso e acceso á función pública docente, o dereito á formación permanente dentro do horario laboral, unha verdadeira carreira profesional, a xubilación específica docente voluntaria, anticipada e gratificada, a mellora das licenzas e permisos e a acción social e a regulación específica da saúde laboral incluíndo os riscos psicosociais.
Esperamos que o Ministerio teña unha verdadeira vontade negociadora para que sexa posible chegar a acordos que melloren moi significativamente o día a día dun profesorado moi castigado que necesita mellorar as súas condicións laborais e o seu recoñecemento, pois é a pedra angular do sistema educativo público.
Entra na nosa web específica, déixanos o teu contacto e axúdanos a seguir loitando pola mellora do ensino público. Manterémoste ao tanto dos avances que se consigan e mandarémosche toda a información e as actuacións que propoñamos:
Na reunión do día 14 de xaneiro tamén se verá o novo RD de Inspección que xa pasou polo Consello Escolar do Estado e cuxo borrador podes ver neste enlace.