CCOO valora a modificación da Orde ISM/386/2024, para a cotización dos períodos de prácticas formativas e de prácticas académicas externas

Queremos expresar a nosa satisfacción polo principio de acordo alcanzado co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para o cambio de criterios na orde ministerial que regula o Convenio Especial para a cotización de períodos de prácticas formativas ou académicas externas anteriores a 2015. As condicións agora aproxímanse ás do convenio de 2011, aínda que quedan lagoas por resolver.

Como xa dixemos neste comunicado, o período debía estenderse a cinco anos completos, a sumar á cotización por dous anos se se fixo no convenio de 2011. Ademais, debían mellorarse as condicións tomando como referencia as bases de cotización dos períodos en que se produciu a práctica formativa ou académica externa, introducir a posibilidade de fraccionar o pagamento e a extensión do prazo para solicitalo.

Pois ben, os cambios introducidos supoñen:

  • A extensión da posibilidade de cotización a cinco anos completos, independentemente de se se cotizou no convenio especial de 2011. Incluso as persoas que non puideron acollerse a aquel convenio poderían facelo agora.
  • A toma como referencia da base de cotización do momento en que se realizou a práctica. Isto minorará a cantidade para aboar. Dos 290 euros ao mes, pasaríase a ter que aboar entre 40 e 140 euros por períodos de prácticas producidos entre 1980 e 2006.
  • A posibilidade de fraccionar o pagamento.
  • A ampliación do prazo para realizar a solicitude ata o 31 de decembro de 2028. Desde CCOO aconsellámoslles ás persoas interesadas que esperen a solicitar o convenio ata que se formalice a tramitación da nova regulación.

En último lugar hai que recordar que, malia que agora algúns sindicatos queren colgarse medallas sen facer nada, desde CCOO levamos moito tempo traballando para impulsar este instrumento que gobernos anteriores rexeitaron e que axuda a recoñecer unha parte das carreiras vinculadas a prácticas non laborais e, por suposto, poñémolo en valor. Pero non impide a reivindicación xusta e lexítima dorecoñecemento de todo o período de bolsas de investigación que realiza o colectivo do persoal investigador, á que historicamente nos sumamos e que seguiremos reivindicando.