CCOO non subscribe o preacordo avalado por USO e FSIE no convenio do ensino privado sen concerto

O 27 de maio celebrouse a cuarta reunión da mesa negociadora do convenio colectivo. Como CCOO viña sinalando, USO e FSIE acabaron executando fielmente o guión previsto polas organizacións patronais ao subscribiren un preacordo que recolle os termos, totalmente insuficientes, en que se vai asinar o XII Convenio Colectivo. Non foron necesarias máis de catro reunións para que se acaben consumando os peores augurios que xa se podían entrever desde a primeira reunión. En efecto, o preacordo alcanzado polas organizacións citadas non resolve os problemas do sector e permite que perdure a situación de clara discriminación das persoas traballadoras con respecto ao resto de compañeiras e compañeiros do ensino regrado. Cúmprense, polo tanto, as pretensións inmobilistas das patronais, que encontran entre algunhas organizacións sindicais a cooperación necesaria para que todo siga igual.

De agora en diante quererán convencernos de que o máis importante era que se subisen os salarios das persoas traballadoras e que era fundamental non reivindicar máis nada para non alongar o proceso negociador. Desde CCOO aseguramos que ambas as cousas non son, nin deben ser, incompatibles en ningunha negociación, cando o obxectivo ten que ser a mellora dunhas condicións de traballo moi desfasadas, especialmente para o colectivo docente, que parecen deseñadas coa única intención de favorecer os grandes beneficios empresariais, pasando por riba do capital humano que fai posible a calidade do ensino da que tanto se alardea.

Tamén quererán convencernos de que non se abandonan as demais reivindicacións porque se crean dúas comisións que traballarán sobre o resto das condicións laborais do convenio e sobre unha regulación específica para o sector da Formación Profesional. Sinceramente, visto o funcionamento deste tipo de comisións no pasado, isto vén sendo unha patada cara adiante para que, ao cabo, nada cambie.

No preacordo recóllense uns incrementos salariais do 3,5 % en 2024, 3,5 % en 2025 e 3 % en 2026, a cambio de non modificar o resto do texto do convenio, fóra da preceptiva adaptación ás últimas disposicións legais, e emprázase a todas as organizacións da mesa ao asinamento do novo convenio o vindeiro 3 de xuño.

Desde CCOO xa anunciamos que non temos intención de subscribilo porque seguimos pensando que, aínda que o salario é fundamental nas condicións de traballo, non é o único que afecta á vida laboral, persoal e familiar das persoas traballadoras. A xornada laboral, as vacacións, os dereitos de conciliación e tantas outras reivindicacións lexítimas que tampouco se quixeron considerar nesta negociación, son tamén esenciais para as persoas que fan posible que os centros do ensino privado subsistan e mesmo sigan medrando.

Finalmente, non podemos deixar pasar unha reflexión sobre a importancia de elixir, en cada centro de traballo, delegadas e delegados que, baixo as siglas de CCOO, se comprometan coa defensa dos dereitos das persoas traballadoras e a mellora das súas condicións de traballo. Nesta negociación quedou patente a importancia vital de promover eleccións sindicais en todas as empresas do sector e de apoiar opcións que non pervertan a loita sindical.