CCOO traslada a súa negativa ao asinamento dun preacordo na reunión do 27 de xaneiro

O pasado 15 de xaneiro, as organizacións patronais presentaron unha proposta retributiva, acompañada dunha cláusula de desvinculación, que daba por pechada a negociación. CCOO iniciou un período de consultas entre as súas afiliadas e delegadas para determinar a posición do sindicato sobre o posible asinamento dun preacordo na reunión de hoxe.

Durante a última semana, o sindicato convocou asembleas por todo o Estado e realizou consultas telemáticas vinculantes que tiveron unha importante participación.

Por unha ampla maioría decidiuse NON avalar a proposta patronal por considerar que é moi insuficiente e non responde ao que reclaman as traballadoras do sector.

O equipo negociador de CCOO quere agradecerlles ás súas afiliadas e delegadas a súa participación, implicación e determinación á hora de afrontaren unha situación tan complexa como a que se formulaba, na que as patronais tentaron condicionar a decisión das organizacións sindicais coa ameaza de dar por pechada a negociación.

As bases de CCOO decidiron non ceder a este ultimato e desde este mesmo instante poñémonos a traballar sobre os posibles escenarios que se poidan dar ante a negativa patronal a seguir negociando un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais de miles de traballadoras do primeiro ciclo de Educación Infantil.