Ante as novas noticias de modificación de pregos e a ampliación do prazo ás aseguradoras para a presentación de ofertas, o sindicato pide celeridade nas negociacións.
CCOO insta o Goberno e as aseguradoras para alcanzar un acordo que garanta a estabilidade nos servizos de asistencia e calidade sanitaria das e os empregados públicos, evitando recortes que poidan afectar a atención das persoas mutualistas de MUFACE.
Aínda que agora parece que ADESLAS está disposta a presentarse á licitación, as dúbidas manteranse aínda por varios días máis, despois de que o Goberno decidise postergar o prazo de peche que estaba previsto para hoxe 27 de xaneiro. Pero a incerteza non acaba aí, pois haberá que ver como finaliza o proceso e cales serán as medidas que se implementarán para asegurar a continuidade do servizo e garantir a cobertura e a calidade.
A pesar dos intentos do Ministerio de Función Pública por acougar ás persoas mutualistas, non hai nada claro en canto a que vai pasar. Agora, as aseguradoras, na súa ambición insaciable de rédito económico, seguen presionando para que o Goberno aumente o financiamento. Pola súa banda, este tampouco aclarou que pasará se a segunda licitación queda deserta e cales serían os escenarios posibles.
CCOO mantén as súas reivindicacións en canto a que é prioritario que desde o Goberno se ofrezan garantías a quen actualmente están na entidade mutualista, que se presenten as medidas que fagan falta para evitar o colapso da sanidade pública no caso de que a licitación non chegue a bo porto e, por suposto, que se lles inclúa no proceso para velar pola seguridade da atención sanitaria das persoas mutualistas.
O sindicato considera, ademais, que é imprescindible abrir un espazo de reflexión para garantir a futuro a asistencia sanitaria de funcionarias e funcionarios públicos, para evitar esta situación de incerteza cada dous ou tres anos.
Resolve as túas dúbidas na sección A crise de MUFACE: o que precisas saber