Data límite, xoves 30 de xaneiro
Dende a sección sindical de CC.OO queremos recordar a todo o persoal da USC que este xoves 30 de xaneiro é o último día de prazo para cumprimentar as solicitudes de encadramento e acceso no sistema da Carreira Horizontal no ámbito do PTXAS da USC,posto en marcha coa publicación no taboleiro electrónico da USC da Resolución reitoral do 15 de xaneiro.
A solicitude de recoñecemento deberá iniciarse a través do seguinte modelo normalizado: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/Xerencia_CarreiraHorizontal_2025.htm
Queremos aproveitar este recordatorio para intentar aclarar algunhas das dúbidas e consultas sobre o procedemento, e sobre o propio acordo da Mesa de PAS, que recibimos nestas últimas semanas:
- É importante sinalar en primeiro lugar que este novo proceso substitúe ao grao I da Carreira horizontal xa recoñecido; polo que todas as persoas con máis de 5 anos de antigüidade na USC deberán tramitar agora a solicitude,aínda cando só teñan antigüidade para un grao e este xa fora recoñecido anteriormente.
- Recordamos tamén que non será preciso achegar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos, que xa se atope en poder da USC ou fose elaborada por esta.
- Por outra parte, tal e como figura no acordo asinado en decembro por CC.OO e publicado coa Resolución reitoral do 15 de xaneiro , todas as persoas do ámbito do PTXAS que cumpran os requisitos de formación poderán acceder á totalidade dos graos da Carreira horizontal que lle correspondan, segundo a súa antigüidadena USC.
- Deste xeito, quen teña máis de 24 anos, no mesmo grupo de clasificación profesional (A1/I, A2/II, C1/III, C2/IV)poderá acceder directamente ao grao IV do seu grupo. Con máis de 17 anos accederá ao grao III, con 11 ao grao II e con cinco anos ao grao I.
- Pola súa parte, as persoas que teñan antigüidade en distintos grupos de clasificación profesional encadraranse no sistema da Carreira horizontal, segundo o previsto no artigo 6 do Acordo:
- Así, cando alguén cambia de grupo, o cómputo da súa carreira reiníciase no grao I do novo grupo, mantendo os graos recoñecidos no grupo anterior.
- O tempo prestado no anterior grupo, que non chegue para completar un grao, computarase como prestado no grao I do novo grupo.
- Cando unha mesma persoa teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá os complementos que lle correspondan polos catro de maior contía.
Queremos recordar tamén o seguinte:
- A vixencia plena do acordo producirase a partir da súa publicación no DOG, pero os seus efectos económicos empezarán a aplicarse con data de 1 de xaneiro de 2025.
- Con efectos económicos desa data de 1 de xaneiro de 2025, e segundo o previsto no acordo, todas as persoas percibiran como mínimo o 40% que lle corresponda pola totalidade da súa carreira. As persoas que teñan só un grao continuarán percibindo o 100% da súa carreira. As que acaden só dous graos manteranse, de momento, no 50% da carreira, cobrando a cantidade que xa tiñan recoñecida.
- No mes de setembro abrirase a negociación dun segundo tramo de mellora,tamén con efectos económicos en 2025; para dar cumprimento aos obxectivos acordados nas Liñas do Orzamento de 2025 e avanzar nesas porcentaxes de retribución da carreira horizontal.
- Con ese mesmo fin, tamén en setembro deste ano, abordarase a negociación do avance na retribución para a anualidade 2026.
- Os complementos retributivos, de cada un dos graos recoñecidos agora, terán os mesmos importes que na administración autonómica; ou os que xa se están percibindo na USC para o grao I dende 2023. É dicir, ao acadarse o 100% da carreira, quen teña 2, 3 ou 4 graos poderá multiplicar eses importes polo número de graos recoñecidos que lle correspondan.
Sección sindical de CC.OO, o poder de cambiar as cousas.