CCOO reclámalle á ministra Pilar Alegría decisións urxentes nas condicións laborais e educativas

A conflitividade crecente no sector reflicte a preocupación polos novos retos que hai que asumir sen dispoñer dos recursos nin o recoñecemento profesional necesarios.

O xoves, 17 de xullo, unha delegación da Federación Estatal de Ensino de CCOO encabezada pola súa secretaria xeral, Teresa Esperabé, reuniuse coa ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría; o secretario de Estado de Educación, Abelardo de la Rosa, e a secretaria xeral de Formación Profesional, Esther Monterrubio.

Esperabé, amais de presentar as conclusións do recente congreso da Federación onde foi nomeada secretaria xeral, manifestou a súa preocupación pola falta de respostas por parte do Ministerio ao malestar existente na educación e entre os seus profesionais. Para CCOO é hora de poñer en marcha medidas concretas en temas tan urxentes como o Estatuto Docente e as negociacións sobre as condicións do profesorado, a xubilación parcial do persoal de apoio educativo (PAE), o 0-3 ou a crecente privatización da Formación Profesional. Seguir demorándoas suporía consolidar e amplificar a conflitividade que xa se viviu neste curso en comunidades autónomas tan diversas como Asturias, Madrid, Navarra, Euskadi e outras.

CCOO reclamamos, entre outras cuestións, que o Ministerio cumpra cos compromisos asumidos na mesa de negociación do Estatuto Docente, segundo os cales na segunda quincena de xullo tiña que facer chegar propostas articuladas sobre a baixada de ratios, a redución de horas lectivas e as condicións laborais do profesorado. O Ministerio recolleu a nosa demanda e fará chegar, como moi tarde nos primeiros días de setembro, unha proposta en relación coas horas lectivas e as ratios.

CCOO e o Ministerio coincidimos na preocupación polo auxe da FP privada, tanto a presencial como non presencial, e na necesidade de regulala para impedir que se replique a dinámica de chiringuitos que se está a instalar nas universidades privadas; tamén concordamos na importancia dunha aposta decidida por un 0-3 universal e gratuíto, cunha rede pública suficiente e unhas condicións laborais dignas. Consideramos esta primeira reunión un paso necesario nun camiño ao que aínda lle falta moito por percorrer. En palabras de Teresa Esperabé, “CCOO sempre estaremos dispostos a achegar propostas para conseguir un modelo educativo público con calidade e equidade que asegure unhas condicións laborais dignas para todas as súas traballadoras e traballadores. Se o Ministerio dá pasos firmes e concretos, estaremos aí; se non, só nos quedará liderar a mobilización”.