Vista a nova resolución reitoral sobre a Carreira horizontal publicada este venres, pode considerarse que a USC rectifica e se dispón a cumprir tanto o propio Acordo de decembro pasado, como os compromisos da xerencia na xuntanza da Comisión de Seguimento do 14 de xullo. Por outra parte, agardamos pechar tamén antes de que acabe o mes de xullo o acordo sobre a carreira horizontal do persoal de Capítulo VI.
A Resolución reitoral publicada o venres vén a corrixir e emendar os fallos e erros de interpretación no encadramento nos graos da carreira, comunicado ao persoal a principios de xullo pola USC.
As claves desa rectificación para unha adecuada interpretación do Acordo son as seguintes:
- Ábrese un novo prazo para a acreditación de méritos (ou de xustificación da súa ausencia se fora o caso) desde o día 23 de xullo ata o próximo 5 de setembro.
- Revisaranse os méritos achegados por todas as persoas solicitantes.
- Os méritos que excedan dos necesarios para a obtención dun grao teranse en conta, se fora preciso, para acadar os graos en períodos onde esa persoa non obteña unha puntuación suficiente.
- En caso de falta de méritos por formación nalgún período determinado, poderá alegarse a cláusula de antigüidade mediante propia declaración xustificativa das causas que motivaron esa ausencia.
- Nun prazo de 3 meses dende a finalización do novo prazo ditaranse as novas resolucións individuais de encadramento, tendo en conta o criterio do apartado anterior e a nova documentación e xustificacións presentadas.
Se alguén ten dúbidas que se poña en contacto con CC.OO, recibirá unha información certa e fiable.
Só lamentamos a perda de tempo e esforzos ocasionados polos fallos e erros de interpretación producidos; pero a nosa tarefa irrenunciable é, tamén esta vez, asegurarnos de que se cumpra o acordado na negociación. Se fixera falta acudir a instancias fora da USC para o cumprimento do pactado aí estaremos tamén.
A pesar do retraso ocasionado, os efectos económicos do acordo continuarán a ser, como estaba previsto, de 1 de xaneiro deste ano 2025.
Como xa temos reiterado, os membros da sección sindical de CC.OO, a pesar das incomprensións e dificultades, sentímonos contentos e satisfeitosde que sexamos a primeira, e polo momento única, universidade galega (moi poucas a nivel estatal) na que se implantan e se desenvolven as retribucións por carreira horizontal para o PAS; o que nos permite demostrar a utilidade do traballo sindical de CC.OO e das nosas propostas para facer avanzar os intereses do persoal da USC.
En canto a carreira do persoal de capítulo VI, como comentabamos ao principio, agardamos pechar un acordo con xerencia antes de que acabe este mes de xullo.
Sección sindical de CC.OO, o poder de cambiar as cousas.
