CCOO reclama un financiamento basal finalista que garanta a estabilidade e o futuro das universidades públicas

Comisión de traballo para establecer o incremento do gasto para acadar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento das universidades públicas.

O mércores, 20 de novembro, constituíuse a Comisión de Traballo que establecerá o incremento do gasto público para acadar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento das universidades públicas, tal e como establece a LOSU.

A Comisión de Traballo configúrase, desta forma, arredor da Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria, nun formato ampliado para incorporar máis actores nesta fase de debate e consenso, xa que trata un tema esencial na configuración actual e futura do sistema universitario do noso país. A Comisión incorpora unha representación da Conferencia de Reitoras e Reitores das Universidades Españolas (CRUE), así como unha representación estudantil (Consello de Estudantes e CREUP), dos Consellos Sociais das Universidades Españolas e dos sindicatos (CCOO, UGT, CSIF, ELA e CIG). Estiveron presentes todas as comunidades autónomas (CC. AA.), con excepción da representación do País Vasco.

Esta Comisión créase co obxecto de debater e consensuar:

  1. Un conxunto de propostas básicas sobre os posibles modelos de financiamento público das universidades públicas, os seus principios e principais mecanismos e instrumentos.
  2. Definir as sendas de incremento e os tempos para lograr o obxectivo de financiamento estipulado na LOSU.

E para iso propúxose un calendario de reunións bimestrais que comezaría o 18 de decembro de 2024 e finalizaría o 19 de novembro de 2025. Estúdase que as dúas primeiras sesións conten coa presenza de expertos que, desde diversos paradigmas, aborden o financiamento público das universidades públicas en España, a súa problemática e os seus modelos, e acheguen información comparativa sobre o que sucede noutros países europeos da nosa contorna.

En sucesivas reunións teríanse que concretar as posibilidades de acordo para definir, entre outras, as seguintes cuestións:

  1. Se o 1 % do PIB se refire ao PIB estatal ou ao de cada comunidade.
  2. O contido e alcance do principio de suficiencia financeira.
  3. Que se entende e que engloba o financiamento estrutural basal, o financiamento estrutural por necesidades singulares e o financiamento estrutural por obxectivos.
  4. As fontes de financiamento públicas e privadas para a docencia e a investigación.
  5. O financiamento de infraestruturas e equipamentos e mais o seu mantemento.
  6. Os mecanismos de seguimento, control e rendición de contas do uso que se lles dea aos recursos públicos.
  7. As necesidades de financiamento das universidades públicas para dar cumprimento ao mandato legal de prestar un servizo público de calidade e accesible para o conxunto da sociedade.

Fronte a esta formulación, as CC. AA. sinalaron, entre outras, estas consideracións:

  1. A necesidade de que exista un compromiso de financiamento por parte da Administración central para cumprir o obxectivo do 1 % do PIB. As transferencias correntes ás universidades públicas situáronse en 2024 nun 0,55 % (entre o 0,26 e o 0,86 %), mentres que a media da UE alcanzou o 1,2 %. En relación con esta cuestión, algunha comunidade autónoma expuxo perfilar este criterio e considerar outras cuestións como:
    • O financiamento por alumno/a, que oscila entre os 2692 e os 11 000 euros, segundo a universidade.
    • Ou a porcentaxe do orzamento da comunidade autónoma que se destina a financiar as universidades públicas.
  2. A necesidade de que o financiamento das universidades se englobe dentro da necesaria reforma do financiamento autonómico.
  3. Un compromiso de negociación real no marco da comisión.

Ao tempo, a CRUE reclamou a urxencia de alcanzar un acordo que garanta un financiamento que atenda á suficiencia e a previsibilidade financeira das universidades públicas.

Desde a parte social reclamouse unha aposta clara polo modelo de universidade pública fronte a modelos políticos que fomentan a proliferación de universidades privadas e a necesidade de superar o infrafinanciamento do modelo público como requisito necesario para lograr que as universidades públicas deixen de ser o nicho principal de precariedade no emprego e as condicións de traballo no ámbito público.

Compartindo esta formulación, desde CCOO incidimos na necesidade de:

  • O incremento do financiamento debe formularse a medio prazo, máis alá do 2030 (prazo recollido na LOSU para acadar o 1 % do PIB) e fixar como obxectivo a media dos países máis avanzados da UE.
  • Un modelo que, dentro do respecto ás competencias autonómicas, garanta un financiamento basal finalista que asegure a estabilidade presente e futura das universidades públicas españolas e o seu crecemento.
  • Uns criterios básicos comúns que garantan o servizo público de educación superior, un emprego público de calidade, a calidade dos servizos para o conxunto da comunidade universitaria e recuperar o seu papel de nivelador social.

CCOO fai un chamamento á responsabilidade de todos os actores con capacidade de decisión para afrontar de vez as serias carencias no financiamento das universidades públicas, que poñen en perigo o seu papel de servizo público e de nivelador social. Instamos a que os distintos intereses políticos non afecten á resolución do problema do infrafinanciamento da universidade pública, que é recoñecido pola maioría dos axentes. Non nos podemos permitir seguir esperando solucións que nunca chegan mentres asistimos á deterioración permanente do modelo público universitario.