Toda a información da reunión da Mesa Negociadora do 21 de novembro de 2024

XIII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil

Logo do parón nas negociacións que se produciu nos últimos meses, unha vez finalizado o proceso de mediación no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA), onte celebrouse unha nova reunión da Mesa Negociadora na que as organizacións patronais non concretaron medida ningunha.

De novo volven evidenciarse as discrepancias e a falta de coincidencia á hora de resolver as carencias nas condicións laborais e retributivas das traballadoras. Desde CCOO insistimos na idea de que, para abordar este proceso negociador, primeiro hai que entender cal é a realidade das persoas que traballan na etapa educativa de 0-3. Non podemos esquecer que os salarios das traballadoras do sector levan conxelados desde 2021 e que as educadoras están percibindo nestes momentos o salario mínimo interprofesional (SMI).

Por iso, CCOO segue apostando pola unidade de acción sindical como eixe vertebrador das reivindicacións do conxunto das traballadoras. Neste sentido, o punto de partida para a próxima reunión, fixada para o 19 de decembro, ten que ser a proposta conxunta que se propuxo no SIMA do 5 de xuño. Ante a perspectiva dun novo incremento do SMI para 2025, teremos que revisar a formulación retributiva para que se lles garanta ás educadoras un diferencial razoable, acorde coa responsabilidade e a formación que se lles esixe nos seus postos de traballo.

As organizacións patronais comprometéronse a revisar a súa última proposta retributiva para os centros de xestión directa e para os pregos en vigor dos centros de xestión indirecta. Esperemos que nesta ocasión sexan capaces de pasar das palabras aos feitos á hora de valorar e cuantificar dignamente o traballo que veñen realizando as traballadoras do sector.