CCOO esiximos ao Goberno que destine o 1 % do PIB ao financiamento das universidades públicas

Reclamamos ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a convocatoria inmediata da comisión de traballo para “establecer o incremento do gasto público para acadar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento das universidades públicas”, creada en 2024 e que non se reúne desde outubro de 2025.

CCOO, a través das nosas persoas responsables territoriais do sector de universidade, concentrámonos ás portas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para esixir o cumprimento da obriga legal recollida na Lei orgánica 2/2023 do Sistema Universitario (LOSU) de elevar ata o 1 % do PIB o investimento no financiamento das universidades públicas.

O artigo 55 da Lei obriga as administracións públicas a dotar as universidades dos recursos económicos necesarios para garantir a suficiencia financeira que lles permita dar cumprimento ao establecido nesta lei orgánica e asegurar a consecución dos obxectivos nela previstos. Para lograr este obxectivo, establécese a necesidade, co horizonte temporal do ano 2030, de destinar, como mínimo, o 1 % do Produto Interior Bruto (PIB) ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado, como requisito imprescindible para a equiparación progresiva ao investimento medio dos Estados membros da Unión Europea.

O 20 de novembro de 2024, o ministerio constituíu a comisión de traballo para “establecer o incremento do gasto público para acadar o obxectivo do 1 % do PIB destinado ao financiamento das universidades públicas”. Porén, esta mesa só se reuniu en dúas ocasións, sendo a última o pasado 24 de outubro de 2025. Estas reunións limitáronse á presentación de informes e estudos. En ano e medio non se avanzou na concreción do procedemento e dos criterios do proceso; non se presentou ningunha proposta, nin sequera de traballo; e non existe un calendario de reunións.

A realidade é que esta obriga legal non é só un compromiso administrativo, senón un investimento esencial para o desenvolvemento socioeconómico a nivel estatal e autonómico, imprescindible para superar o infrafinanciamento estrutural do sistema público universitario.

Comisións Obreiras consideramos imprescindible un plan de financiamento conxunto entre o ministerio e as comunidades autónomas que garanta a aplicación deste compromiso de financiar as universidades públicas con, polo menos, o 1 % do PIB. Porén, a falta de acción do ministerio e o silencio das comunidades autónomas evidencian que esta obriga non é unha prioridade. Xa pasaron tres anos e medio desde a entrada en vigor da LOSU e queda outro tanto para chegar a 2030. Non queremos pensar que, de maneira intencionada, Goberno e comunidades están deixando pasar o tempo para que a obriga recollida na LOSU sexa un máis dos múltiples incumprimentos de quen se supón que debe garantir a súa aplicación.

O financiamento suficiente da universidade pública define o modelo de universidade polo que se aposta desde o ámbito público. Durante décadas, a universidade pública permitiu que fillos e fillas de familias traballadoras accedesen a estudos superiores e mellorasen as súas oportunidades laborais e vitais. Se se debilita ese sistema a través dun financiamento insuficiente, a consecuencia deste enfoque sería reforzar a alternativa privada e incrementar a desigualdade no acceso e permanencia de toda a cidadanía en función da súa realidade socioeconómica.

Consideramos imprescindible, no marco da responsabilidade de todos os actores con capacidade de decisión, que se afronten dunha vez por todas as serias carencias no financiamento das universidades públicas, que poñen en perigo o seu papel de servizo público e garante da equidade social. Apelamos a que os distintos intereses políticos non afecten á resolución do problema do infrafinanciamento da universidade pública, recoñecido pola maioría dos axentes. Non podemos permitirnos seguir agardando por solucións que nunca chegan mentres asistimos á deterioración permanente do modelo público universitario.