OPE 2026 – PRINCIPAIS AVANCES E SITUACIÓN ACTUAL (MESA PTXAS DO 02/06/2026)

Na reunión da Mesa de Negociación de PTXAS celebrada o 02/06/2026 abordouse a proposta de Oferta Pública de Emprego (OPE) para o exercicio 2026, da que se poden destacar as seguintes cuestións:

En primeiro lugar, a Xerencia presentou unha nova proposta de OPE xeral que incorpora un total de 43 prazas, o que supón o 86% da taxa de reposición autorizada (60 prazas). Así mesmo, aceptou a proposta de CCOO de levar a cabo unha oferta complementaria no último trimestre do ano, aínda que, por agora, non se compromete a que esta permita alcanzar a totalidade da taxa autorizada.

Por outra banda, tamén se acepta a posibilidade de reservar dentro da oferta xeral determinadas prazas para promoción interna ordinaria, en liña co defendido por CCOO.

No relativo á promoción interna independente, a Xerencia incrementa a súa proposta inicial, pasando de 40 a 59 prazas, o que supón un avance significativo.

Desde CCOO valoramos positivamente estes avances; non obstante, consideramos que a proposta continúa sendo insuficiente. Por este motivo, mantemos a necesidade de incorporar un maior número de prazas en diversas categorías, tanto de persoal funcionario como laboral, como condición para poder acadar un acordo. Pola súa parte, a Xerencia manifestou que se atopa nunha situación límite, aínda que se compromete a revisar a proposta.

Cómpre salientar tamén que agora hai un consenso sindical sobre a necesidade de respectar os límites legais da taxa de reposición, sobre a propia existencia de promoción interna independente e a imposibilidade de reclasificacións automáticas, así como sobre o carácter gradual da programación das promocións en distintas categorías. 

A proposta de OPE 2026 será novamente abordada nunha próxima reunión da Mesa de Negociación. Desde CCOO continuaremos traballando co obxectivo de garantir a totalidade da taxa de reposición autorizada, así como de mellorar a oferta de promoción interna independente, que constitúe unha das nosas principais liñas de actuación desde a súa posta en marcha no ano 2020. 

Poses consultar tamén no enlace a ​proposta presentada pola xerencia​.