A educación é un dereito, non un mercado

As declaracións do sindicato FSIE sobre a concertación do Bacharelato evidencian dúas formas diferentes de entender a educación.

CCOO consideramos que a ampliación dos concertos educativos debe responder a necesidades reais do sistema e non a unha extensión automática do financiamento público en etapas non obrigatorias. A nosa posición ten base legal. O artigo 27.4 da Constitución establece que a ensinanza básica é obrigatoria e gratuíta. Pola súa banda, o artigo 3 da LOE define a educación básica como a Educación Primaria, a ESO e a FP Básica. O Bacharelato é unha etapa postobrigatoria e, polo tanto, a súa concertación non pode presentarse como unha obriga legal.

Detrás da reivindicación da concertación do Bacharelato agóchase, unha vez máis, o discurso da denominada liberdade de elección das familias. Un concepto que responde a unha visión neoliberal da educación, na que os centros compiten como empresas e as familias actúan como consumidoras. Polo tanto, non nos sorprende en absoluto que FSIE contacte con PP e VOX para que as súas reivindicacións sexan avaladas. Para CCOO, a educación non é un mercado: é un dereito e un servizo público que debe garantir a igualdade de oportunidades e a cohesión social.

É curioso que un sindicato que presume de ter case o 45 % de representación na mesa de negociación do convenio do sector sexa incapaz de acadar melloras reais para as persoas traballadoras. Resulta inaceptable que presente este debate como unha cuestión de defensa da clase obreira e pretenda desacreditar a CCOO, cando o noso compromiso co persoal do ensino concertado é absoluto e irrenunciable.

CCOO defendemos con total contundencia todos os traballadores e traballadoras do sector nas mesas de negociación, esixindo a equiparación retributiva, a redución da carga lectiva, o mantemento do emprego e a mellora das súas condicións profesionais.

Mellorar as condicións das persoas traballadoras do ensino concertado é tamén mellorar a calidade da educación que recibe ese alumnado, exactamente igual que acontece no ensino público.

Protexer as persoas traballadoras significa loitar por salarios dignos e estabilidade laboral para os cadros de persoal actuais, non utilizalas como pretexto para unha expansión empresarial inxustificada.

O papel dunha organización sindical debe centrarse en acadar dereitos laborais, non en actuar como voceira de intereses empresariais. Ao mesmo tempo, o sistema educativo debe consolidar un servizo público robusto que responda de xeito eficiente ás demandas de toda a sociedade.