O sindicato propón garantir o carácter finalista dos fondos para que as comunidades autónomas aseguren o seu investimento e non poidan ser utilizados noutros ámbitos.
A Federación de Enseñanza de CCOO reaccionou con prudencia ao anuncio feito polo presidente do Goberno esta fin de semana en canto á posta en marcha dun paquete de medidas educativas, explicando que falta por coñecer en detalle o plan e a súa definición máis concreta. Tal como declarou o secretario xeral da FECCOO, Francisco García, “falta, por dicilo dalgunha maneira, coñecer a letra pequena; por tanto, nos próximos días, analizarémolo en detalle e teremos unha posición máis armada sobre o conxunto do plan”. Por iso, o sindicato esíxelle ao Goberno que se especifique a partida económica destinada a estes fins. Pero non é a única demanda.
O sindicato quere poñer énfase no carácter finalista do financiamento previsto para o plan. Isto quere dicir que debe garantirse taxativamente que os fondos vaian exclusivamente ás medidas contempladas no plan proposto, “porque xa estamos afeitos a que algunhas comunidades autónomas utilicen o financiamento que chega do Goberno para fins diferentes aos previstos”, explicou García.
Desde CCOO proponse tamén que aquelas medidas que incidan en cadros de persoal ou condicións laborais do profesorado deben pasar pola Mesa Sectorial docente e ser obxecto de negociación.
Unha reivindicación habitual de CCOO é a redución das ratios. Este inicio de curso o sindicato presentou un informe que poñía énfase nesa medida e cuantificaba o seu custo, tanto en cupos de profesorado como no diñeiro necesario para levala a cabo; por tanto, considera que a redución das ratios en Lingua Castelá e Literatura e en Matemáticas é correcta, pero habería que avanzar tamén noutros ámbitos educativos (repetición de curso, fracaso escolar, abandono escolar temperán…) e outras materias para mellorar eficazmente os resultados escolares.
Así, é urxente traballar en todas as cuestións que teñen que ver coa atención á diversidade, poñer máis énfase no alumnado máis vulnerable, priorizando a asignación de recursos por centros ou zonas onde sexa necesario; garantir apoios, desdobres e reforzos, incrementando os cadros de especialistas –profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, Orientación educativa, Servizos á comunidade, entre outros–; e hai que falar tamén da redución do horario lectivo do profesorado para reforzar as titorías.
Nesta mesma liña habería que reforzar o carácter competencial dos currículos e hai que mellorar e impulsar a formación permanente do profesorado, o capítulo máis erosionado durante a etapa dos recortes.
Por último, é moi importante ver como se concretan os apoios que parece que se van a poñer en marcha fóra do horario escolar para evitar o avance da privatización e garantir o acceso con equidade para todo o alumnado.