Esiximos que se investiguen non só as circunstancias da agresión mortal, senón tamén as posibles irregularidades na adxudicación do servizo e a supervisión do centro.
Así mesmo, o sindicato ponse á disposición da familia da vítima para asesorala en todo aquelo que precise, ofrecéndolle o apoio e a solidariedade que merece nestes momentos tan difíciles.
CCOO reclama, unha vez máis:
- Auditorías inmediatas en todos os centros de menores do Estado para verificar o cumprimento de ratios de seguridade e da normativa vixente.
- Reversión das externalizacións dos servizos sociais, suspensión das licitacións a baixa e revisión dos pregos para garantir condicións laborais dignas.
- Protocolos específicos de actuación ante situacións de denuncias previas, así como unha análise exhaustiva e rigorosa do perfil dos menores que son asignados en réxime semiaberto.
Ante os indicios de que se cometeron irregularidades, CCOO esixe que se depuren responsabilidades administrativas, de xeito que as persoas que se comportaron de maneira neglixente no exercicio das súas funcións non queden impunes. A protección dos menores e a seguridade dos traballadores non poden seguir sendo comprometidas pola falta de supervisión e a precariedade na xestión destes servizos.
Hoxe houbo concentracións diante das facultades de Educación de A Coruña, Santiago e Ourense, convocadas baixo os lemas “A precariedade laboral mata” e “Condena do asasinato e reivindicación de protección nos centros de traballo”. Durante estes actos, celebrouse un minuto de silencio en memoria da educadora asasinada e reclamáronse melloras nas condicións laborais e de seguridade nos centros de menores. CCOO participou activamente nestas concentracións, destacando a necesidade de medidas urxentes para evitar que sucesos como este se repitan.
Doutra banda, o Ministerio de Xuventude e Infancia, co que CCOO mantivo unha colaboración constante nos últimos meses, anunciou a tramitación dun Real Decreto destinado a establecer estándares mínimos na atención a menores tutelados. Esta iniciativa responde á necesidade de homoxeneizar os 17 modelos autonómicos existentes, garantindo unha protección adecuada e equitativa para os case 50 000 menores baixo tutela en España, xa sexa en réxime de acollemento residencial ou familiar.
O proxecto lexislativo, que se prevé sexa aprobado no Consello de Ministros no prazo dun mes, ten como obxectivo regular ratios mínimas de persoal e prazas máximas por centro, así como promover un modelo de acollida familiar e erradicar os denominados “macrocentros”. Esta medida adquire unha relevancia aínda maior tras o tráxico suceso, que evidenciou as graves carencias do sistema actual, especialmente nos centros de reforma xuvenil, onde os menores cumpren medidas xudiciais impostas polos tribunais.
Este avance lexislativo representa un primeiro paso significativo, pero non é suficiente. Seguiremos reivindicando unha reforma integral que priorice o benestar dos menores e a seguridade dos traballadores, evitando que traxedias como a de Badaxoz volvan a ocorrer. A protección da infancia e a dignificación dos servizos sociais non poden seguir sendo postergadas. É imperativo que todas as administracións asuman a súa responsabilidade e traballen de maneira coordinada para garantir un sistema de protección sólido, xusto e eficaz.

