Noelia Sánchez Vaamonde, nova Secretaria Xeral da Federación de Ensino de CCOO de Galicia

Guitiriz converteuse durante os días 14 e 15 de marzo de 2025 no epicentro do sindicalismo educativo galego coa celebración do 12º Congreso da Federación de Ensino de CCOO de Galicia. Un encontro marcado pola renovación e a homenaxe, onde Noelia Sánchez Vaamonde foi elixida como nova Secretaria Xeral, tomando a remuda de Luz López Pérez tras 12 anos de dedicación.

O congreso, que congregou a 77 delegados de toda Galicia, serviu para aprobar por unanimidade o balance presentado polo equipo saínte e para debater e definir as liñas de traballo do sindicato para os próximos catro anos. Un período que se presenta crucial para o ensino galego, marcado por retos como a dixitalización, a igualdade e a mellora das condicións laborais do sector. Tamén se contou como invitadas coa participaron de diversas persoas de CCOO, tanto do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia como da Federación de Enseñanza de Comisiones Obreras e de todos os eidos da comunidade educativa galega.

Ao inicio do mesmo, interviron Meli Pérez, Secretaria Xeral de CCOO de Galicia; Manuel Quiñoá, Secretario Xeral de CCOO na comarca de Lugo; Román Rodríguez, Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Manuel Corredoira, Vicepresidente do Consello Escolar de Galicia; Julio Díaz, Presidente de ANPE; Sandra Montero, Secretaria de Ensino de UGT-SP; Félix Roca, representante de STEG; Rogelio Carballo, Presidente de CONFAPA e Luz López, Secretaria Xeral saínte da Federación de Ensino de CCOO de Galicia.

A elección da nova líder da Federación de Ensino de CCOO de Galicia, cun resultado case unánime do 95,89 %, supón o comezo dunha nova etapa que conta claramente co respaldo do conxunto da organización. Nun discurso emocionado, Noelia Sánchez Vaamonde expresou a súa “profunda crenza no que representan as Comisións Obreiras, nas súas orixes e nos obxectivos que perseguen”. Prometeu “traballo incansable pola mellora das condicións laborais e do sistema educativo” e subliñou a súa disposición a “escoitar e dialogar con todos e todas, con empatía e humildade”.

A nova comisión executiva, que acompañará á nova Secretaria Xeral neste proxecto e que contou coa mesma porcentaxe de apoio, está formada por: Anxo Muñiz Iglesias, María Burke Gerpe, Ero Sante Gueimonde, Tania Alonso Soto, Borja Campos Seijo, Nerea Iglesias Blanco, Iago Porto Díaz, Iria Yáñez Martínez e Enrique Alonso Rodríguez. Un equipo diverso e comprometido, que aúna experiencia e novas ideas, co obxectivo de fortalecer a presenza e a acción do sindicato no ensino galego.

Por outra parte, foron aprobadas por ampla maioría diversas resolucións polo cambio de nome de centros educativos por nomes de mulleres relevantes, pola importancia da loita sindical da clase obreira galega, polo recoñecemento das patoloxías e trastornos psicosociais como enfermidades profesionais no sector educativo, polo avance e desenvolvemento dos dereitos das persoas LGTBIQA+ e da diversidade familiar e unha última, en repulsa polo asasinato dunha educadora social hai tan só uns días en Badajoz.

Este congreso tamén representa a marcha, para emprender novos camiños, de tres figuras clave na historia recente da Federación de Ensino de CCOO de Galicia:

  • Luz López Pérez, Secretaria Xeral saínte con doce anos no cargo, que deixa un legado de compromiso e loita pola defensa dos dereitos do persoal do sector educativo.
  • José Manuel Fuentes Fariña, que se xubila logo dunha dilatada traxectoria ocupando distintos cargos no sindicato e cunha dedicación plena ao sindicalismo do ensino galego e estatal.
  • María José García Barcia, quen desenvolveu durante moitos anos distintos postos na comisión executiva da Federación de Ensino e actualmente no Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, e que tivo sempre un traballo pouco visible, imprescindible e altamente valorado polas persoas que compartiron estes anos con ela.

Un dos momentos máis emotivos do congreso foi a homenaxe póstuma ao compañeiro e amigo Veri Pazos, incansable traballador polos dereitos laborais dentro do Ensino e polo recoñecemento da igualdade e os dereitos en xeral para o colectivo LGTBIQA+. A través dunha exposición benéfica das súas fotografías, recadáronse fondos que serán doados á Fundación 26 de decembro, unha entidade que traballa en prol das persoas maiores LGTBIQ+.