CCOO Ensino sinala os asuntos que a Consellería deixou fóra do seu balance de inicio de curso

Tras a primeira reunión do Consello Escolar de Galicia no curso 2026-2027, reclamamos respostas para o persoal do ensino concertado e de apoio educativo, así como unha cobertura máis áxil das vacantes de inicio de curso.

Na súa intervención ante o Consello Escolar de Galicia, o conselleiro de Educación presentou unha visión excesivamente favorable do inicio de curso. Desde CCOO Ensino consideramos que ese balance deixa sen resposta problemas concretos que afectan a determinados sectores e centros, e que deben identificarse e resolverse sen presentalos como unha situación xeneralizada de todo o sistema educativo.

O persoal do ensino concertado tamén forma parte da comunidade educativa

Román Rodríguez non fixo referencia ao persoal do ensino concertado. Desde CCOO Ensino consideramos este silencio unha falta de respecto institucional ás persoas traballadoras dun sector que escolariza arredor do 30 % do alumnado galego e que, precisamente, iniciou este curso mobilizándose e facendo folga ante o bloqueo da negociación e a falta de resposta da Consellería.

A Lei 3/1986, de Consellos Escolares de Galicia, establece que o Consello Escolar é o órgano superior de consulta e participación dos sectores afectados pola programación xeral do ensino, e obriga a ter en conta na planificación a oferta tanto de centros públicos como concertados. A propia lei garante a presenza no Consello de representantes dos distintos sectores, incluídos os titulares de centros privados, sindicatos e familias.

Se os centros concertados forman parte do sistema educativo galego para planificar, financiar e escolarizar alumnado, a situación do seu persoal tamén debe formar parte do discurso da Consellería.

É especialmente grave que o conselleiro ignore a estes profesionais cando levan anos reclamando diálogo e o cumprimento dun acordo negociado, pactado, asinado e publicado no DOG.

Desde CCOO Ensino esiximos a Román Rodríguez que deixe de invisibilizar o persoal do ensino concertado, abra de inmediato un proceso real de negociación e dea resposta ás súas lexítimas reivindicacións.

O persoal de apoio educativo, habitualmente invisibilizado e ignorado

O silencio do conselleiro sobre o persoal de apoio educativo non é unha excepción: este colectivo queda habitualmente fóra dos balances e das prioridades da Consellería, malia ser imprescindible para o funcionamento dos centros. Coidadoras e coidadores, persoal de cociña, limpeza, administración e outros colectivos fan posible que o alumnado reciba a atención que necesita cada día.

Neste inicio de curso producíronse incidencias en determinados centros vinculadas aos procesos de funcionarización e mobilidade. A Consellería debe explicar o seu alcance e resolver os problemas de incorporación e cobertura antes do inicio das clases, non posteriormente. Tamén debe escoitar o persoal de apoio educativo á hora de planificar o curso e buscar solucións: non pode seguir ignorando a quen sostén unha parte esencial da actividade dos centros.

As vacantes cúbrense con planificación e chamamentos áxiles, non sinalando a quen está de baixa

As dificultades para cubrir determinados postos e substitucións durante as primeiras semanas do curso son reais e requiren unha resposta da Administración. Cómpre saber onde se concentran, que causas teñen e canto tarda en cubrirse cada posto. Por iso rexeitamos que o conselleiro as vincule de maneira xenérica coas baixas médicas sen presentar datos desagregados. É a Consellería quen debe aclarar cantos postos responden a incapacidades temporais e cantos a permisos, excedencias, reducións de xornada ou outras situacións.

O sistema actual de chamamentos telefónicos amosa limitacións cando se acumula un gran volume de postos por cubrir. Cómpre mellorar xa os procedementos e completar as probas de carga imprescindibles antes de implantar o novo sistema telemático.

Neste punto queremos referirnos tamén ás recentes declaracións do conselleiro e presidente deste Consello sobre as baixas do profesorado. Non son admisibles. As baixas médicas non son voluntarias: prescríbeas persoal facultativo por razóns de saúde. Pedimos que se deixe de cuestionar e estigmatizar as persoas traballadoras que están de baixa e que se analicen as causas das incapacidades temporais e da súa duración, poñendo o foco na prevención, nas condicións de traballo e na atención sanitaria.

A saúde laboral debe ser unha prioridade. Cando unha persoa enferma, precisa acceder sen demoras innecesarias ás consultas, aos tratamentos e á rehabilitación que favorezan a súa recuperación. As persoas traballadoras non queren enfermar; se o fan, queren recibir a atención necesaria para recuperar a saúde canto antes.

O avance no inglés non pode ocultar o retroceso no galego

O conselleiro destacou a mellora do nivel de inglés do alumnado e a contribución do profesorado auxiliar de conversa. CCOO Ensino valora o traballo deste persoal, mais reclama a mesma atención institucional para a situación da lingua galega. Segundo a enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2023, o 32,44 % das nenas e nenos de 5 a 14 anos declara saber falar pouco ou nada galego, fronte ao 23,90 % de 2018. Tamén preocupa a perda de falantes habituais.

A escola debe garantir que todo o alumnado remate a súa escolarización con competencia para vivir e expresarse en galego. Por iso, desde CCOO Ensino apoiamos a iniciativa lexislativa popular Lingua Vital, presentada este setembro a partir do traballo impulsado por Queremos Galego. A proposta busca reverter a emerxencia lingüística, dar garantías aos dereitos lingüísticos e asegurar o cumprimento dos acordos en favor do galego.

Os resultados de PISA esixen análise, diálogo e medidas sostidas

Os resultados do alumnado galego en lectura, matemáticas e ciencias reclaman unha resposta seria. Porén, anunciar novos programas sen debatelos previamente coa comunidade educativa e coas organizacións sindicais non é a maneira de asegurar que respondan ás necesidades dos centros nin de garantir a súa continuidade.

A Consellería leva anos recibindo información a través das avaliacións de diagnóstico. Debe explicar que dificultades detectou nelas, que medidas adoptou a partir deses resultados e como vai avaliar agora os programas anunciados. As probas só teñen sentido se a información que achegan se utiliza para mellorar a aprendizaxe, con recursos suficientes e sen engadir burocracia innecesaria ao profesorado.

O Consello Escolar de Galicia debe servir para escoitar á comunidade educativa tamén sobre as cuestións que a Consellería omite no seu balance. Desde CCOO Ensino reclamamos que se identifiquen os problemas de cada sector e dos centros afectados, se negocien as solucións e se apliquen medidas planificadas. Magnificar incidencias concretas como se afectasen por igual a todo o sistema tampouco axuda a resolvelas.