CCOO Ensino reclama que o acordo sobre o galego se traduza nun cambio real nas aulas

Valoramos calquera avance na actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, pero o acordo anunciado polo PPdeG e o PSdeG queda curto ante a perda de falantes e mantén sen resolver as restricións do Decreto do plurilingüismo de 2010.

Galicia afronta unha situación de emerxencia lingüística que esixe actuar con decisión. Segundo a Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), entre 2018 e 2023 descendeu a proporción de persoas que falan sempre ou maioritariamente galego e aumentou a das que declaran saber falalo pouco ou nada. A evolución entre a poboación máis nova resulta especialmente preocupante.

Indicador20182023
Persoas que falan sempre ou maioritariamente galego51,88 %45,51 %
Persoas de 5 a 14 anos que falan sempre ou maioritariamente galego26,12 %16,19 %
Persoas que din saber falar galego pouco ou nada11,95 %16,60 %
Persoas de 5 a 14 anos que din saber falalo pouco ou nada23,90 %32,44 %

Fonte: IGE, Enquisa estrutural a fogares

Un consenso que o Decreto para o plurilingüismo de 2010 deixou sen desenvolver

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 foi aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. No ensino, concibía o 50 % de docencia en galego como un mínimo en primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e ciclos formativos. Tamén propoñía ampliar a presenza do galego en materias como Matemáticas e Tecnoloxía.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia derrogou a norma de 2007 e cambiou o rumbo: substituíu a idea dun mínimo de docencia en galego por un reparto equilibrado entre as dúas linguas e fixou Matemáticas en castelán en primaria, así como Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en castelán na ESO. Materias que o Plan quería abrir ao galego pasaron a ter asignada obrigatoriamente outra lingua. O Plan seguiu existindo no papel, pero o seu desenvolvemento educativo tomou outra dirección.

Participamos para avanzar, sen renunciar ao que é necesario

CCOO Ensino participou no proceso de actualización do PXNLG promovido pola Xunta. Fixémolo porque entendemos que debemos estar presentes onde exista a posibilidade de facer oír as nosas propostas e mellorar a situación do galego no sistema educativo. Outras organizacións optaron por non participar; nós decidimos acudir e defender alí a nosa posición.

A participación que se nos permitiu neste proceso foi limitada e as nosas expectativas sobre o alcance dos seus resultados eran baixas. Por iso mantivemos con convencemento o noso compromiso coa plataforma Queremos Galego e presentamos no Parlamento da iniciativa lexislativa popular Lingua Vital. Esta ILP propón derrogar o Decreto de 2010, dar forza de lei ao PXNLG e establecer garantías para o uso do galego, tamén no ensino.

Un acordo que debe ir máis alá das porcentaxes

Toda medida que supoña unha mellora é benvida. Valoramos que o acordo anunciado polo PPdeG e o PSdeG abra a porta a impartir materias científicas e tecnolóxicas en galego e prevexa un seguimento anual. Con todo, parécenos pouco ambicioso para responder á situación que amosan os datos.

As linguas non parten da mesma posición social. Se se quere recuperar o uso dunha lingua minorizada, cómpre permitir medidas de acción positiva, adaptadas á realidade de cada centro e da súa contorna. Non abonda con manter unha porcentaxe fixa e trasladar aos centros a responsabilidade de distribuír as materias, mentres outras continúan vetadas ao galego pola normativa.

A formación profesional, as ensinanzas artísticas e as deportivas ofrecen unha advertencia: o Decreto de 2010 xa prevé nelas unha oferta equilibrada de materias e módulos en galego e castelán. Esa previsión escrita, por si soa, non garante nin a súa aplicación efectiva nin unha mellora no uso da lingua. O papel aguántao todo; pero a eficacia das medidas vén determinada polo que acontece nas aulas e pola capacidade do alumnado para aprender e usar o galego.

Por iso, CCOO Ensino considera que a futura norma debe responder a cuestións fundamentais como:

  • Eliminar as restricións que impiden impartir determinadas materias en galego.
  • Permitir medidas de acción positiva a favor do galego como lingua minorizada.
  • É preciso que estas medidas comecen a implantarse desde os niveis máis baixos do ensino para ter un impacto real, comezando polo primeiro ciclo de Educación Infantil e sen ningún tipo de limitación para que o galego sexa a lingua de acollida para alumnado que vén de fóra de Galicia.
  • Adaptar esas medidas á realidade lingüística do alumnado, dos centros e da súa contorna.
  • Superar a idea de que un reparto idéntico de horas produce automaticamente os mesmos resultados nas dúas linguas.
  • Garantir unha presenza efectiva do galego tamén na formación profesional e nas ensinanzas artísticas e deportivas.
  • Ofrecer formación ao profesorado para poder impartir as distintas materias e módulos en galego.
  • Proporcionar materiais e recursos suficientes aos centros.
  • Comprobar o cumprimento real das linguas de impartición, máis alá do que figure nos proxectos lingüísticos.
  • Avaliar a competencia e o uso efectivo do galego entre o alumnado e corrixir as medidas que non dean resultado.
  • Dar garantías normativas aos compromisos, para que a recuperación do galego non dependa só de declaracións de intencións.

CCOO Ensino seguirá participando en todos os espazos nos que se poidan conseguir avances e seguirá defendendo a ILP Lingua Vital. O acordo anunciado hoxe terá que ser xulgado polo contido da norma que se aprobe e, sobre todo, polos cambios que consiga nas aulas.