Representantes de CCOO Ensino mantiveron hoxe unha reunión co Conselleiro, o Secretario Xeral e o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos para tratar diversos temas cruciais para o avance do sistema educativo na comunidade e das condicións laborais das súas traballadoras e traballadores. A xuntanza abarcou numerosas temáticas que afectan a múltiples colectivos profesionais e varias etapas educativas.
Un dos principais puntos abordados foi a implantación do Acordo Marco para unha Administración do século XXI, que busca adecuar a xornada laboral efectiva do persoal desta Consellería ás 35 horas semanais, unha medida que xa está en vigor noutras consellerías, polo que demandamos a súa inmediata negociación.
Na educación pública, no relativo ao Acordo de medidas de mellora, expúxose a necesidade de que a Inspección Educativa dea instrucións claras aos equipos directivos para a aplicación do pactado de forma homoxénea en toda Galicia. Tamén se demandou axilidade nas actuacións necesarias para reducir a carga burocrática no ensino, así como a apertura de negociacións para recuperar o horario lectivo en Secundaria, Bacharelato, FP e Réxime Especial e para seguir avanzando na recuperación do horario lectivo nas etapas de Educación Infantil e Primaria.
En canto ao persoal interino e sustituto, demandámoslle ao Conselleiro que se cumpla íntegramente o Acordo de persoal interino e substituto e, polo tanto, que se lle pague o verán ás persoas substitutas que traballen como mínimo cinco meses e medio durante o curso. Tamén se tratou a necesidade dunha maior axilidade na cobertura de substitucións e de previsión á hora de abrir listas de substitucións para evitar que se esgoten en numerosas especialidades (como aconteceu este ano en PT, AL e Francés en Primaria ou Informática e Matemáticas en Secundaria, por pór exemplos).
No ámbito da Atención á Diversidade, o sindicato solicitou un aumento de persoal especialista para mellorar a atención nos centros: persoal de Pedagoxía Terapéutica, segunda persoa de Orientación nos centros que o precisen e, moi especialmente, persoal de Audición e Linguaxe. Tamén se demandou a dotación de persoal específico con cupo determinado para a figura de coordinador/a de benestar.
En canto á Formación Profesional, demandouse con urxencia a tramitación da normativa de FP para o vindeiro curso e que esta pase por Mesa Sectorial o antes posible. Xa podemos informar que o vindeiro martes 25 de xuño pasará por Mesa Sectorial unha resolución de instrucións con este cometido.
Tamén se trataron as medidas necesarias para que o sistema funcione con garantías de calidade: incremento do persoal docente acorde ao aumento de tarefas, supervisión polo profesorado da formación realizada en empresa, adecuación da oferta formativa ao tecido produtivo que conte con persoal axeitado para formar ao alumnado, etc. Por último, dado que en certas titulacións non se chega a atender a demanda de matrícula no sistema público, pediuse un incremento desta oferta superando a que poidan facer centros privados e concertados.
Na educación privada, discutíronse asuntos como o pagamento pendente de 45 € polo acordo de equiparación salarial do ano 2008, un acordo de xubilación parcial con posibilidades de redución entre o 50 % e o 75 % da xornada, a negociación dun acordo de recolocación real ou a supresión da cláusula da lei de orzamentos que limita o pagamento da paga de antigüidade.
Por último, no relativo ao Persoal de Servizos Educativos e Complementarios (PSEC), tratouse a necesidade de abrir negociacións para a mellora das condicións laborais (ratios con valoración do posto de traballo, carga de traballo, redución de “metros” para o persoal de limpeza, etc.) e económicas do persoal non docente, tal e como xa se ten feito noutras consellerías. Ademais, demandouse a axilización na cobertura de baixas e permisos do persoal, así como unha mellor planificación das necesidades do alumnado matriculado para que o primeiro día de curso poidan contar co persoal coidador que precisen.
Esta reunión co novo equipo da Consellería supón un primeiro contacto co que avanzar na negociación colectiva e na busca de solucións que beneficien tanto ao persoal como ao estudantado do ensino galego.