O Consello da Federación de Ensino de CCOO, celebrado o 25 de febreiro, aprobou por unanimidade a resolución titulada: «O poder das mulleres unidas é infinito». Esta resolución reafirma que a sororidade e a unión das mulleres son piares fundamentais para avanzar cara a unha igualdade real e efectiva.
Ante as persistentes desigualdades laborais e educativas e fronte ás múltiples formas de violencia machista, CCOO Ensino defendemos con firmeza a necesidade, agora máis ca nunca, da organización colectiva como ferramenta de transformación social, a coeducación como base para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria e o impulso de políticas públicas eficaces, con recursos suficientes e compromiso institucional.
CCOO Ensino incide en que a loita feminista solidaria, inclusiva e diversa é motor de xustiza social, democracia e garantía de dereitos para todas. Porque cando as mulleres se organizan e avanzan xuntas, transforman a sociedade e a historia cambia.

