CCOO Ensino reafirma o seu compromiso contra o acoso e o ciberacoso

O Consello da Federación de ensino estatal aprobou onte unha resolución ao respecto o acoso e ciberacoso.

Desde CCOO Ensino reafirmamos o noso compromiso histórico coa defensa dunha educación segura, inclusiva e equitativa. O acoso e o ciberacoso, en calquera das súas formas, constitúen hoxe un dos maiores retos do noso sistema educativo. Diferentes informes explicitan que estas violencias non son só un problema persoal e de saúde por quen as padece, por quen as exerce ou por quen as presencia, senón que son un verdadeiro problema social que comporta unha violación dos dereitos fundamentais das persoas e dos dereitos da infancia.

Ademais da extrema gravidade do acoso, o ciberacoso supón un cambio de paradigma sen precedentes, no que se mudan o espazo –este non se restrinxe ao ámbito educativo ou de ocio– e o tempo, pois xa non se limita ás horas en que se permanece nun lugar, senón o que sucede en Internet, queda na Rede para sempre, e isto supón unha presión psicolóxica moitísimo maior, cuxo abordaxe desborda a comunidade educativa. Este debe ser entendido como un problema social e unha ameaza directa aos dereitos fundamentais da infancia e a adolescencia. O ciberacoso vai alén do sistema educativo e é imprescindible xuntar esforzos e estratexias con todos os axentes implicados.

Estas violencias non son feitos illados. Son reflexo dun modelo social liberal, competitivo e individualista que desatende o respecto, a empatía, a educación emocional e o valor da cooperación. Sabemos que as súas consecuencias –físicas, psicolóxicas e sociais– poden ser devastadoras e prolongarse durante anos, afectando o desenvolvemento pleno da persoa ao longo de toda a súa vida.

Os datos son contundentes e non permiten nin a indiferenza nin a inacción.

Segundo o último informe da OCDE de PISA (2024):

  • En España, o 6,5 % do alumnado sofre acoso con frecuencia.
  • O 15,8 % é vítima de acoso polo menos varias veces ao mes. A porcentaxe sobe ao 21 % en alumnado de orixe migrante.
  • O 10 % quedou algunha vez na casa para evitar sentirse inseguro na escola.
  • As vítimas de acoso presentan maiores niveis de infelicidade, medo e malestar emocional.

Os colectivos máis vulnerables seguen sendo os mesmos: alumnado con discapacidade, con identidades e orientacións sexuais diversas, procedente de minorías culturais ou de ambientes desfavorecidos. O último informe da FELGTBI+ alértanos, ademais, dunha realidade estarrecedora: o 17 % das persoas LGTBIQ+ que sufriron acoso intentaron suicidarse.

Estamos, pois, ante unha emerxencia social e educativa. E unha das súas dimensións máis complexas é o ciberacoso, que traslada a violencia ao ámbito dixital, amplificando o dano e a exposición. A expansión das redes sociais e o uso precoz das pantallas xeraron un terreo fértil para novas formas de agresión, control e humillación. A educación dixital responsable, tanto nos centros coma nas familias, debe ser unha prioridade.

A todo isto súmase un factor estrutural que non podemos ignorar: a falta de investimento educativo. En 2022, o gasto apenas alcanzou o 4,62 % do PIB e en 2023 descendeu ao 4,53 %, moi lonxe do 6 % recomendado internacionalmente. Sen recursos suficientes é imposible garantir a atención emocional, a convivencia positiva ou a formación do profesorado que require esta problemática.

Fronte a esta realidade, non queremos quedar só no diagnóstico. Vimos propoñer medidas concretas, realistas e urxentes para transformar os centros en espazos seguros, inclusivos e libres de violencia.

Propostas para a acción sindical e educativa

  1. Incrementar o investimento educativo ata alcanzar, como mínimo, o 7 % do PIB, asegurando recursos estables para a prevención e a intervención.
  2. Reducir as ratios en todas as etapas educativas, porque só con grupos máis pequenos é posible unha atención personalizada e preventiva.
  3. Incorporar profesionais educativos especializados en coordinación de convivencia, benestar emocional e coeducación con dedicación completa e recoñecemento profesional.
  4. Actualizar os protocolos contra o acoso e o ciberacoso, reforzando as canles de denuncia, a protección das vítimas, con medidas para a restitución e a formación obrigatoria do persoal docente e non docente.
  5. Impulsar os plans educativos de contorno e a colaboración con entidades locais, servizos sociais e centros de saúde mental para abordar a violencia de forma comunitaria.
  6. Reforzar os equipos docentes e os consellos escolares, dotándoos de tempo e espazos reais de coordinación, reflexión e acompañamento.
  7. Aumentar os perfís multidisciplinarios nos centros (educadores/as e integradores/as sociais) para atender a saúde emocional e mental do alumnado durante o horario lectivo e nos espazos de comedor e lecer educativo.
  8. Potenciar a acción titorial, a mediación e a educación emocional, promovendo a axuda entre iguais e os enfoques restaurativos.
  9. Desenvolver programas de apoio ás familias, especialmente en contextos de alta vulnerabilidade, para fortalecer a corresponsabilidade educativa.
  10. Apoiar e formar os equipos directivos e de orientación na xestión da convivencia e a resolución de conflitos.

A loita contra o acoso e o ciberacoso non pode depender só da boa vontade do profesorado, nin do resto de profesionais da educación, nin do esforzo individual dos equipos directivos. É unha responsabilidade colectiva, que esixe políticas públicas valentes, recursos humanos e económicos suficientes e unha educación baseada na igualdade, o respecto e cunha mirada construtiva da sociedade onde se fomente o valor da empatía e onde cada neno, nena e adolescente se sinta acollido.

Desde CCOO Ensino reclamamos un compromiso firme de todas as Administracións educativas e de toda a comunidade educativa. Porque unha escola e uns centros socioeducativos que conviven, coidan e respectan son o fundamento dunha sociedade democrática e xusta.

Erradicar o acoso é posible, pero só se o facemos xuntas e xuntos, e cun compromiso firme e urxente.