EN MARCHA A NOVA NOTIFICACIÓN DOS ENCADRAMENTOS NA CARREIRA HORIZONTAL 

O persoal da USC comezou a recibir hoxe, a través da sede electrónica, as novas notificacións individualizadas polas que se resolve o encadramento do PTXAS funcionario e laboral de capitulo I nos graos da carreira horizontal. Esta nova notificación ten a finalidade de corrixir os fallos e erros de interpretación das notificacións recibidas a principios de xullo, que como se recordará quedaron sen efecto por desviarse dos termos acordados na negociación.

Coas notificacións individuais que se reciben nestes días, queda despexado o camiño para o ingreso en nómina, que esperamos que sexa este mesmo mes de novembro,das cantidades que lle corresponden a cada quen, con efectos de 1 de xaneiro de 2025.Estamos pois ante un avance decisivo na mellora das condicións laborais, con unha importante repercusión económica nos nosos salarios mensuais.

Como quedou de manifesto neste proceso, os avances nunca son fáciles e, incluso despois de asinar un acordo, poden aparecen obstáculos inesperados. Foi moi precisa a insistencia e a determinación de CC.OO para facer posible o recoñecemento dos graos e a implantación das retribucións da carreira horizontal. E tamén para facer cumprir, neste último período, os termos acordados nunha negociación xa de por si difícil e laboriosa, na que non todos colaboraron segundo lles correspondía. 

Se se detectan novos erros ou aparece algunha discrepancia, terán que tratarse a través dos canles de reclamación ou recurso previstos na normativa. 

En calquera caso, o resultado acadado permite confirmar quesomos a primeira, e polo momento única, universidade galega (moi poucas a nivel estatal) na que se implanta e desenvolve a carreira horizontal do PTXAS. Faise así evidente a utilidade da nosa actividade sindical para facer avanzar os intereses do persoal da USC. As melloras nunca son regaladas nin caen do ceo de repente. E o máis importante: necesitan ser consolidadas, completadas e novamente melloradas.

Agora, unha vez notificados os encadramentos, o máis importante a ter en conta é o seguinte:

  • Neste ano 2025 todas as persoas percibirán como mínimo o 40% do importe total do que lles corresponda polos graos recoñecidos, segundo se estipula no Acordo para o recoñecemento da totalidade dos graos da Carreira ao PTXAS da USC asinado en decembro pasado. Pola súa parte, as persoas que teñan só o grao I, recoñecido anteriormente, continuarán percibindo o 100% da súa carreira recoñecida. As que acaden agora o grao II manteranse de momento no 50%.
  • Como continuación do traballo realizado ata agora, en aplicación do estipulado no Acordo, e tendo en conta que xa estamos en novembro, solicitamos da xerencia unha reunión para abordar os incrementos desa porcentaxe neste mesmo ano e de cara a 2026:
    • O Acordo da carreira establece, no punto 2 do anexo IV, que a contía do 40% se poderá ver incrementada adicionalmente,“tendo en conta os obxectivos en materia de carreira horizontal de PTXAS recollidos no Acordo do Claustro polo que se aprobaron as liñas xerais do orzamento da USC para 2025“. Indícase tamén que a análise desa cuestión se realizará “xunto coa primeira previsión de peche orzamentario”.
    • No punto 3 do mesmo anexo IV,estipúlase que “En función dos resultados do punto anterior, abordarase nese momento a negociación para a anualidade 2026”.

Se precisas máis detalles sobre a carreira horizontal ponte en contacto con CC.OO, recibirás información certa e fiable.